Levaremos ao vindeiro Pleno unha moción para solicitar un plan de rescate ao sector cultural, un dos máis golpeados pola crise da COVID-19
Soliciamos apoio ao manifesto asinado por oito entidades o 7 de otubro, reclamando claridade nas restricións e compromiso institucional coa cultura
A Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno Municipal, este xoves 5 de novembro, unha moción na que se reclama máis apoio desde o Concello ao sector cultural, un dos máis golpeados pola crise social e sanitaria que estamos a vivir. Nesta iniciativa propoñemos a creación dun Consello Local de Cultura no que estea representado o sector na súa pluralidade e todos os grupos políticos municipais, para consensuar medidas de apoio ao tecido cultural coruñés de aplicación inmediata.
No texto, ínstase ao goberno a “elaborar nese Consello Local un plan de choque específico, ambicioso e dotado con recursos para o sector da cultura, a fin de incorporalo aos orzamentos municipais para 2021”. Tamén se insta á alcaldesa a “resolver canto antes a situación de interinidade na que se atopa a área de Cultura”, de xeito que o sector poida ter unha interlocución clara e eficaz, e o persoal municipal poida facer o seu traballo sen obstáculos. E ao Parlamento de Galicia que declare a cultura como un “ben de primeira necesidade” e lle preste a debida atención nos próximos orzamentos da Xunta.
Un sector que xera o 3,2% do emprego na Coruña
A exposición de motivos desta iniciativa lembra que “a pandemia da COVID-19 levou por diante a vida de case mil persoas en Galicia”, pero “a crise económica derivada das durísimas restricións que se están a aplicar para protexer a saúde pública, lamentablemente, está a golpear ao conxunto da sociedade e a asañarse especialmente coas persoas e os colectivos máis vulnerables”. Un deses sectores é o da cultura, con salarios por debaixo da media, unha estrutura empresarial débil e altas taxas de precariedade e temporalidade no emprego”.
“A dramática situación das salas de concertos, posta en evidencia polo tristísimo adeus do Bâbâ Bar na Coruña, non é por desgraza ningunha excepción (…). Falamos dun sector que achega o 3,2% dos postos de traballo na nosa cidade, así como o 2,9% das empresas e algo máis do 3% do PIB. Non é casualidade. Até hoxe, porque non sabemos nin cando nin como sairemos desta, A Coruña representaba unha cuarta parte do tecido cultural en Galicia”, engade a iniciativa.
Como tamén se lembra na moción, o 7 de outubro oito entidades que agrupan a profesionais da música, o cinema, as artes escénicas e a xestión cultural facían público un manifesto conxunto. Escena Galega, AGEM, AGPXC, Clubtura, Proxecta, Tesgal, Músicas ao Vivo e EspazoCoop reclamaban criterios claros nas restricións sanitarias e apoio das institucións públicas. Ata hoxe non foron escoitadas.
Na intensa rolda de contactos que mantivemos desde a Marea Atlántica nos últimos meses, coa maioría das entidades asinantes do manifesto e outras como a Asociación de Librarías da Coruña, a Academia Galega do Audiovisual, a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e a Realización (CREA) ou a Plataforma das Artes do Movemento (PAM), constatamos que as axudas non están a chegar e que o tecido está disposto a botar unha man no deseño de políticas públicas.