Saltar ao contido

O Concello destinará 580.000 euros ao festival, unha iniciativa privada e de pago que se celebrará en Riazor no marco do Xacobeo, fronte aos 400.000 que asume a Xunta

Estes fondos dobran o previsto para o Bono Cultura e multiplican por tres o que debe dedicarse ás axudas para a creación e a investigación artística 


A Marea Atlántica criticou hoxe, no Consello de Administración do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), que o goberno local vaia gastar preto dun 10% do orzamento da entidade para un único evento: o Morriña Fest en Riazor. Este festival custaralle 580.000 euros ás arcas municipais, unha cifra excesiva para un festival de iniciativa privada e con entrada de pago. E que chega, ademais, no marco do Xacobeo pero cunha contribución moi inferior por parte da Xunta: algo máis de 400.000 euros. 

A única compensación prevista polo executivo municipal para o tecido cultural da cidade é que a empresa promotora do Morriña Fest celebrará concertos gratuítos nos arredores do estadio de Riazor con bandas locais. A tal hora, e malia a que solicitamos información, descoñécese que porción do orzamento total do evento, que ascende a uns 3,4 millóns, se destinará a esa programación local, así como a maioría dos detalles sobre ela. O contrato non estabelece ningunha garantía ao respecto.

Eses 580.000 euros representan o dobre do que o Concello ten previsto destinar ao Bono Cultura este ano (300.000 euros) e tres veces o reservado para as bolsas de creación artística (180.000 euros). Dúas iniciativas que forman parte do acordo orzamentario coa Marea Atlántica, reforzando a área de Cultura, igual que a creación dun programa de residencias artísticas retribuídas en equipamentos municipais, e que se centran en traballar desde a proximidade, non en fomentar grandes eventos. Instamos ao goberno local a desbloquear estas medidas.

Os grandes eventos enchen titulares un día, pero son as actividades de base as que realmente teñen impacto na vida da veciñanza e na recuperación dun sector económico, o cultural, moi afectado pola pandemia.  Nunha situación de crise e precariedade coma a que estamos a vivir, o goberno local debería centrarse en garantir o acceso á cultura por parte da maioría da xente da Coruña e en crear oportunidades para as pequenas e medianas empresas e as profesionais da cultura.

O gasto no Morriña Fest nin sequera vén avalado por un estudo de impacto na cidade, e o que é aínda peor: a preguntas da Marea Atlántica, o goberno municipal recoñeceu esta mañá que será a propia empresa promotora a que se encargue de avaliar a posteriori os beneficios para a cidade da súa actividade comercial. Por estes motivos, abstivémonos á hora de votar no Consello do IMCE a aprobación deste gasto, ao igual que fixemos á hora de valorar o modificativo para a incorporación dos remanentes do ano pasado, un asunto que terá que ser debatido e votado no vindeiro pleno. O organismo autónomo pechou o exercicio 2021 en números vermellos, cun desfase negativo entre ingresos e gastos de case 450.000 euros.

O 10% do orzamento do IMCE se gasta no Morriña Fest mentres seguen paradas as bolsas de creación, o bono cultura ou as residencias artísticas