A bolsa de vivenda para persoas en risco de exclusión fracasa e só consegue sumar dous pisos, un deles fóra da Coruña, sen a xustificación documental necesaria
Silvia Caméan: “Estamos nunha situación de emerxencia, non imos poñer obstáculos, pero as carencias no procedemento son preocupantes”
As representantes da Marea Atlántica no Consello de Administración da Empresa Municipal de Vivenda (EMVSA) abstivéronse hoxe para non dificultar a incorporación de dous pisos a un banco de vivendas para persoas en risco de exclusión social, pero criticaron o enorme grao de improvisación en todo o proceso. En palabras de Cameán, “estamos nunha situación de emerxencia e non imos poñer obstáculos a que aumenten os recursos sociais, pero as carencias na documentación son preocupantes”.
Así, a bolsa de vivenda para persoas vulnerables, anunciada hai un ano, fracasa ao sumar só dous pisos. Un deles nin sequera está na Coruña, sitúase en Carral, e sen cerfificado do rexistro da propiedade, dúas carencias que entran en conflito coas bases da convocatoria, e que non se xustifican axeitadamente.
É un resultado preocupante, que se suma ao desmantelamento do Equipo Hábitat encargado do realoxo das familias que residen en asentamentos precarios, a pesar dos bos resultados que deu o seu traballo durante o pasado mandato. “O goberno de Inés Rey prometeu grandes avances na na eliminación dos asentamentos precarios no 2020, pero a realidade é que nin sequera teñen un plan”, engade Silvia Cameán.
Pola súa banda, Claudia Delso preguntou cando se vai dar a coñecer o regulamento para a adxudicación das vivendas incorporadas hoxe que, segundo o informe de EMVSA, está a tramitarse no Concello. Porén o goberno municipal confirmou que só existe un borrador e que os trámites nin sequera comezaron. De novo, fan gala dunha parálise burocrática difícil de xustificar nestes momentos de emerxencia.
Incúmprese o acordo para unha bolsa de alugueiro social
Mentres tanto, cómpre lembrar que o PSOE continúa a incumprir, entre outros moitos, o acordo para crear unha bolsa de alugueiro social a través de EMVSA e dirixida a poboación xeral. Formaba parte do pacto para o inicio de mandato e debería terse materializado en 2020, pero non ten nin as bases redactadas. A nosa proposta é recuperala como parte do novo plan de choque contra a pandemia, con especial atención á mocidade para facilitarlle o acceso á vivenda.
Á hora de renovar o Presco en 2021, a vivenda ten que ser un eixe fundamental. Por iso propuxemos, tamén, un convenio coa asociación Provivenda para a posta en marcha inmediata dun programa de alugueiro para persoas vulnerables, que xa funciona en Vigo, con bo resultado. E a ampliación do convenio con Housing First, habilitando novas vivendas para persoas en situación de rúa. Xuntas, estas iniciativas sumarían bastante máis que as dúas vivendas que EMVSA incorpora hoxe.
A pandemia está a agravar o problema do acceso á vivenda, cos prezos do alugueiro en crecemento constante e un Goberno do Estado que se nega a regulalos. Na Coruña precisamos un Plan de Vivenda ambicioso, que vaia máis alá de parches e actuacións puntuais, como xa temos demandado en varias ocasións. Porén, o PSOE segue a incumprir os acordos coa Marea Atlántica neste eido, centrado en fomentar pelotazos de vivenda a prezos que a maioría da xente non poderá pagar, como vemos en Percebeiras e veremos nos peiraos interiores. Se queren rectificar, a nosa man está tendida para loitar polo dereito á vivenda.