María García e Iago Martínez reuníronse co Comité de Empresa da Orquestra e comprobaron o pésimo estado no que se atopa o Pazo da Ópera, a causa da concesión asinada no vazquismo
A Xunta de Galicia incumpre desde 2011 os seus compromisos co Consorcio da Promoción da Música. Débelle á Sinfónica máis de cinco millóns de euros
A voceira e o vicevoceiro da Marea Atlántica, María García e Iago Martínez, mantiveron nos últimos días un encontro co Comité de Empresa da Orquestra Sinfónica de Galicia e visitaron os seus ensaios, para coñecer de primeira man os problemas aos que se enfronta esta imprescindible institución cultural. Despois de comprobar as carencias de financiamento que padece a OSG e o mal estado de conservación no que se atopa o Pazo da Ópera, a Marea Atlántica reclámalle ao Concello da Coruña e á Xunta de Galicia que garantan unhas condicións dignas para o traballo da Sinfónica.
O Pazo da Ópera é un edificio de propiedade municipal que se atopa nestes momentos nun pésimo estado de conservación. A empresa concesionaria, Comar, está a faltar por completo ao deberes de coidar o edificio, ao tempo que lle cobra un alugueiro abusivo á Orquestra. É o resultado da política dos gobernos de Francisco Vázquez de agasallar concesións a firmas amigas, permitíndolles facer caixa co patrimonio público case sen control. A situación é tan mala que a formación vese obrigada a ensaiar no Palexco.
No anterior mandato, con Xulio Ferreiro, o goberno municipal amoestou a Comar e obrigou á empresa a cumprir as súas obrigas e reparar as butacas e os principais danos do edificio. Pero agora, o equipo de Inés Rey está amosar un total desinterese na materia.
Doutra banda, a Xunta leva unha década incumprindo o seu compromiso co financiamento da Orquestra Sinfónica de Galicia, á que lle debe máis de 5 millóns de euros. En 2004, o goberno galego asinou un convenio co Consorcio da Música da Coruña, no que se comprometía a non destinar menos de tres millóns de euros anuais á OSG. Desde 2011, falta a súa palabra, poñendo en perigo o normal funcionamento da orquestra.
Perda das bolsas de excelencia musical
As consecuencias xa se fixeron notar este mesmo ano: desapareceron as Bolsas de Excelencia Musical. E poden estar en risco outros dos importantes programas formativos da OSG, como a Orquestra Xove e o Coro Infantil. Hai que lembrar, ademais, que os xoves fan ensaios abertos a visitas escolares, polas que pasan ata 20.000 nenas e nenos ao ano.
A calidade da Orquestra Sinfónica está fóra de toda dúbida. Foi considerada unha das mellores do Estado por voces tan relevantes como Ainhoa Arteta, Jesús López Cobos o Lorin Maazel. É un patrimonio cultural da Coruña e de Galicia. Se as administracións non incrementan as súas achegas, como mínimo, tanto como medran os salarios, toda a actividade da Sinfónica está en risco. Así de grave é a situación.