Saltar ao contido
Aeroporto de Alvedro

Alberto Lema: “Os cartos públicos deberían investirse en voos de negocios e en atraer turismo á Coruña, non ao revés. Isto non resolve as necesidades de Alvedro ” 

A proposta do goberno local renuncia a recuperar a conexión forte cun enlace internacional como Londres-Heathrow, e dispersa a oferta en aeródromos pequenos

A Marea Atlántica lamentou hoxe que o concurso público para abrir oito liñas desde Alvedro ignore por completo a vertente empresarial do aeródromo e se centre só en destinos vacacionais. Polo tanto, absterémonos hoxe na súa votación na Xunta de Goberno do Consorcio te Turismo. Como sinala Alberto Lema, representante da Marea Atlántica neste organismo “pensamos que os cartos públicos deberían empregarse en financiar voos de negocios ou en atraer turismo á Coruña, non o contrario. Por iso non podemos apoiar este plan que se nos presenta”.

Dunha parte, o concurso renuncia a recuperar unha conexión internacional forte en Alvedro, coma os cinco ou seis voos á semana con Londres-Heathrow, en horarios funcionais para as viaxes de negocios, pois, en palabras de Alberto Lema, en lugar diso, preséntase “un plan cosmético e mal enfocado, que anuncia un investimento de 9,7 millóns e o dispersa en competir por dous voos semanais en media ducia de cidades e destinos, a ver se acerta algunha”. 

O concelleiro lembra, ademais, que as conexións puntuais con un par de avións á semana non se adaptan á necesidade das viaxes de negocios, e xa demostraron que non funcionan ben desde Alvedro. “Xa houbo un enlace con París-Charles de Gaulle cunha conexión reducida que se tivo que retirar pola falta de resposta. Estanse a repetir erros”. 

En todo caso, optaremos pola abstención para non bloquear o investimento que, pese a estar mal deseñado, é o máis parecido a unha iniciativa real de promoción de Alvedro en máis de dous anos e medio.

A Xunta abdica da coordinación aeroportuaria

Finalmente, cómpre lamentar que a Xunta de Galicia siga a desendenderse por completo na coordinación aeroportuaria, que sería da súa competencia, e deixe en mans dos concellos as subvencións a liñas concretas. Como xa temos denunciado, ábrese así unha competencia desde o local que só beneficia ás aeroliñas privadas.   

O concurso de liñas para Alvedro ignora por completo o fomento dos voos de negocios