Saltar ao contido

A única concesión que non está caducada na área de Deportes estase a converter nunha ETT, con case 300 modificacións de contratos laborais en pouco máis dun ano

Non se respectan as condicións laborais nin as medidas sanitarias obrigadas pola pandemia

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e a concelleira Claudia Delso reuníronse esta semana con representantes sindicais de Serviplus Total S.L., a empresa concesionaria dos servizos complementarios instalacións deportivas municipais. Tras escoitar os problemas aos que se enfronta o cadro de persoal, con constantes incumprimentos laborais e carencias nas medidas sanitarias, “reclamámoslle ao goberno de Inés Rey que supervise as condicións de traballo nesta concesión, a única da Área de Deportes que non está caducada nestes momentos”, indicou García.

“O goberno municipal está a mirar cara outro lado mentres Serviplus actúa coma unha ETT dentro do Concello. Rematou o ano con case 300 modificacións de contratos para unha plantilla de 70 persoas”, explica Claudia Delso. Tampouco se están a respectar as condicións do prego, melloradas durante o mandato anterior, pero ignoradas sistematicamente pola empresa. 

A representación sindical tamén denuncia constantes incumprimentos das medidas sanitarias, que xa foron levados ante a Inspección de Traballo. Logo de dez meses de pandemia aínda non se conformou o Comité de Seguridade e Saúde, e os delegados de prevención non recibiron a formación axeitada. 

O goberno municipal non dá a cara

Desde a Marea Atlántica lamentamos que, unha vez máis, o executivo local lave as mans cando aparecen problemas nunha subcontrata do Concello, como xa ocorren en San Diego, Amartya e noutros casos.  Delso reclama que a alcaldesa “baixe a area e defenda o emprego no Concello, vai sendo hora de que dea a cara polos dereitos laborais”. 

Finalmente, volvemos reclamar que a Concellería de Deportes, en mans da tránsfuga Mónica Martínez, leva ano e medio acumulando contratos caducados. É o momento de renovar os diferentes servizos e municipalizar os que sexa posible, como o do polideportivo de San Diego, onde a xestión directa do Concello suporía un beneficio para a veciñanza.

Esixímoslle a Inés Rey que garanta os dereitos laborais nos servizos complementarios das instalacións deportivas municipais