Saltar ao contido
Maika Makowski no Festival Noroeste 2018. Foto: Sandra García Rey.

Preguntarémoslle á alcaldesa no Pleno se considera admisible avalar unha lista de 18 actuacións nas que só hai unha muller

No mandato de Xulio Ferreiro, o Festival Noroeste foi pioneiro por ter un cartel con maioría de artistas femininas, un legado que non debería desprezarse

A Marea Atlántica lamenta que o goberno local volva caer no grave erro de anunciar un ciclo de concertos organizados desde o Concello da Coruña nos que a presenza de mulleres é testemuñal. Un goberno que se declara feminista non pode presentar un programa de 18 actuacións nas que só hai unha muller presente, como acaba de acontecer hoxe en Fitur. 

“Repítese o que xa se deu no mes de xuño, cando se anunciou un ciclo de concertos en Riazor sen presenza de mulleres, finalmente cancelado. Daquela xustifícarono coma “un erro”, un erro que o goberno parece empeñado en repetir”, indica a voceira da Marea Atlántica, María García. Por iso, rexistraremos unha serie de preguntas para coñecer os motivos polos que as artistas femininas volven ser discriminadas e se a alcaldesa considera adminisible esta situación. 

O agravio é maior se temos en conta que no mandato de Xulio Ferreiro, o Festival Noroeste converteuse nun referente da escena musical tendo un cartel no que as mulleres eran maioría. E sendo tamén un festival  deslocalizado, con presenza nos barrios e participación de bandas locais, xusto o contrario que o programa anunciado hoxe. Como resume María García, “non entendemos a insistencia en dar pasos atrás en políticas culturais que funcionaron e foron pioneiras”.

Incumprimento da Ordenanza de Igualdade

A falta de compromiso do goberno local neste eido tamén se deixa notar no incumprimento da Ordenanza Municipal de Igualdade na Diversidade. Establece, entre outras cousas, a obriga de manter unha presenza paritaria de mulleres en todos os órganos municipais e eventos apoiados con cartos públicos. Foi deseñada durante o mandato de Xulio Ferreiro, e aprobada en Pleno o 3 de outubro de 2019, como parte dos acordos que asinaron a Marea Atlántica e o PSOE para a investidura de Inés Rey.

Desde aquel día, por desgraza, o incumprimento da normativa de Igualdade é reiterado. Ata o punto de que a Inspección de Traballo abriulle  un expediente ao Concello por non ter un Plan de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, algo considerado unha “infracción laboral grave”. O plan anterior caducou no segundo semestre de 2019, e en dous anos non houbo interese en renovalo.

Tampouco se están a reforzar os recursos dispoñibles para atender ás vítimas de violencias machistas, nin a introducir criterios de igualdade nos contratos e subvencións municipais. O compromiso co feminismo ten que ser algo máis que declaracións. 

Lamentamos que o goberno local repita o erro de organizar un ciclo de concertos case sen presenza feminina