O noso candidato á Alcaldía insta á Autoridade Portuaria e o goberno municipal a democratizar o acceso aos peiraos, tamén para a cidadanía e as entidades, tal e como reclamamos nunha iniciativa aprobada polo pleno o pasado mes de febreiro
O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, lamentou hoxe o “bochornoso” desencontro público que están a manter o Concello e a Autoridade Portuaria ao respecto da organización de concertos nos peiraos interiores, e sinalou que “isto acontece porque non hai normas democráticas para a utilización dos espazos públicos portuarios, nin para as institucións, nin para as asociacións, nin para ninguén. Non hai un regulamento claro e transparente e todo depende do que negocien algúns a porta pechada ou, peor aínda, do lle pareza ese día á Autoridade Portuaria”.
Por iso, para evitar problemas deste tipo, no Pleno do mes de febreiro fixemos unha proposta para democratizar os usos dos peiraos que xa están abertos á cidadanía. A proposta saíu aprobada pola gran maioría da Corporación e foille remitida á Autoridade Portuaria. Instamos a este organismo e ao goberno municipal a tomar pedidas para facilitar a programación de actividades na fachada marítima a todas esas veciñas e veciños da Coruña que non se apelidan Ortega, así como a outras entidades de todo tipo. “Se non o fan agora, farémolo nós mesmos a partir de maio, dende o goberno”, apunta Xove.
A solución definitiva: un consorcio público
En todo caso, como sinalou o candidato, “a solución definitiva a este problema pasa por constituír un consorcio público, coa participación de todas as administracións, que xestione a apertura dos peiraos e, entre outras medidas, estableza un procedemento para solicitar o uso dos terreos portuarios, como o que existe en calquera espazo ou equipamento municipal”.
Como engade Xove, “a constitución dun consorcio sería un destino moito mellor para os fondos públicos que as administracións están dispostas a aportar, moito máis lóxico que enterralos en mercar terreos que xa son públicos para cubrir a inxusta débeda portuaria. Algo que, tras anos de mobilizacións apoiadas polo goberno de Xulio Ferreiro, parece que xa só defende o PP”.