Saltar ao contido

En apoio aos veciños e ás veciñas de San Vicente de Elviña

Concentración contra o desafiuzamento de Isabel e Álvaro

 

A Marea Atlántica nace como un proceso para defender e facer valer os dereitos da cidadanía. Un dos catro principios básicos sobre os que erguemos esta ferramenta cidadá é “garantir unha vida digna para todas as persoas“, para todos os veciños e todas as veciñas do Concello da Coruña.

 

O dereito á vivenda é, sen dúbida, un dereito esencial á hora de garantir as condicións de existencia da cidadanía. E, ao tempo que fundamental e recoñecido no ordenamento xurídico vixente, o dereito á vivenda é, lamentablemente, un dos dereitos máis vulnerados polas institucións do poder político e, no caso da nosa cidade, un dereito ignorado polo propio poder político municipal.

 

Este mércores 26 de novembro, ás 20.00 horas, hai convocada por parte de Stop Desafiuzamentos unha concentración na Pasarela de Elviña da Avenida Alfonso Molina. Isabel e Álvaro, veciños de San Vicente de Elviña, poden ser expulsados da súa casa en calquera momento tras un proceso inzado de irregularidades e ausente das garantías e a transparencia que todo proceso urbanístico ten que respectar.

 

Un proceso como a Marea Atlántica ten que camiñar sempre do lado das necesidades máis urxentes dos cidadáns. Un proceso como a Marea Atlántica ten que estar ao servizo do cumprimento dos dereitos humanos, máis se cabe cando son a nítida expresión de demandas veciñais. Por iso tomamos a decisión de suspender todos os actos públicos e xuntanzas (Marea do Medio Ambiente e a Sustentabilidade, Marea da Cultura, Marea da Cidade Vella e un encontro da Marea da Agra coa Asociación de Veciños de Bens) que tiñamos previstas para hoxe co propósito de sumar esforzos na importante mobilización cidadá que trata de impedir que, na nosa cidade, outra inxustiza volva ter lugar.

 

Animamos a todas e todos aqueles que poidan a sumarse á concentración en apoio ás xustas demandas de Isabel, de Álvaro e do resto de afectados e da veciñanza de San Vicente de Elviña.

 

Marea Atlántica

 

_MG_9065

 

Concentración en apoio ás veciñas de San Vicente de Elviña