María García: “A Xunta de Galicia e o Concello da Coruña para non fixeron os deberes para o novo curso, pedímoslles que se poñan as pilas e exerzan as súas competencias”
Existen medidas de aplicación case inmediata, como contratar reforzos no servizo de limpeza ou peonalizar os accesos aos centros públicos para evitar aglomeracións
A Marea Atlántica insta ao goberno municipal da Coruña a garantir unha volta ás aulas máis segura, empregando os fondos que deixaron sen executar este ano en programas educativos como as Bolsas USA (600.000 euros) ou Idiomas do Mundo (120.000 euros), entre outros paralizados pola pandemia. Como sinala á nosa voceira, María García, “o Concello da Coruña, igual que a Xunta de Galicia, chegou ao comezo do curso cos deberes sen facer. Ten que poñerse as pilas e empregar os seus recursos e competencias para un inicio das clases en condicións de seguridade”.
Con eses fondos, poderían poñerse en marcha varias medidas sinxelas e de aplicación case inmediata:
- Ampliar o contrato municipal para a limpeza e desinfección dos centros, incluíndo a unha persoa máis encargada da limpeza para cada centro público da cidade (28 en total), como manda o protocolo da Xunta.
- Peonalizar as rúas de acceso aos centros, para facilitar a entrada e saída do alumnado en condicións seguras e sen aglomeracións.
- Ampliar o contrato de mantemento para axilizar a atención e actuar máis rápido na reparación de danos nos centros de ensino público.
- Publicar de inmediato unha listaxe de instalacións e espazos municipais dispoñibles para que os centros educativos poidan empregalos cando sexa preciso para garantir a distancia social.
- Convocar de xeito urxente ao Consello Escolar e á Comisión de Educación para que o concelleiro Jesús Celemín explique á comunidade educativa e aos grupos municipais as medidas que pensa tomar neste novo curso.
A concelleira Silvia Cameán, sinala tamén a necesidade urxente de “acelerar a publicación das listas definitivas das bolsas comedor, para que as familias non vivan coa incerteza de se terán ou non una axuda este curso. As listas provisionais aínda se coñeceron esta semana, o 2 de setembro, a piques de iniciar as clases, e dúas de cada tres resolucións están incompletas. A tramitación definitiva pode aínda tardar meses, e cada día de atraso é un problema para quen precisa axuda para garantir unha axeitada alimentación das súas fillas e fillos”.
Cómpre reclamar, tamén, un reforzo das medidas de conciliación desde o Concello da Coruña, como o servizo de canguraxe, programas de ludoteca ou a axuda a domicilio. É previsible que a súa demanda vai aumentar cando se produzan rebrotes e sexa necesario pechar algunhas aulas.
Maior compromiso da Xunta de Galicia
O Concello ten a obriga de actuar para facilitarlle a vida á veciñanza, pero non pode esquecerse que a responsabilidade dunha volta ás aulas segura está principalmente en mans da Xunta de Galicia, e o goberno de Feijóo pretende organizala sen gastar un só euro. Como di María García, “non se pode deixar a xestión da pandemia en mans da comunidade educativa, mentres a administración pretende unha volta ao cole a custe cero”-
Silvia Cameán engade que “é necesario que a Xunta reforce o profesorado, introduza enfermeiras nos centros de ensino, educadoras sociais e outros servizos que na educación privada xa están previstos. Feijóo, unha vez máis, maltrata á educación pública”.
Por todos estes motivos, e como xa declaramos, desde a Marea Atlántica apoiamos a folga do profesorado galego para os días 10 e 16 de setembro, facendo nosas todas as reivindicacións: Máis persoal, menores ratios de alumnado por aula e máis medidas de conciliación.