Saltar ao contido

Na asemblea celebrada onte, facultouse ao executivo para buscar un entendemento co PSOE e respaldouse a convocatoria dunha cuestión de confianza se é necesaria

Todo acordo debe pasar por un compromiso escrito de lealdade e polo respecto ás liñas estratéxicas das políticas do goberno da Marea Atlántica

 

A Rede, o máximo órgano de toma de decisións da Marea Atlántica, acordou onte apoiar a xestión do goberno municipal da Coruña e darlle un voto de confianza á hora de tomar as medidas necesarias para garantir a aprobación dos Orzamentos 2017 e gañar estabilidade na situación política do Concello. Deste xeito, a Rede, á que asistiron case un cento de persoas, aceptou por consenso que o equipo de goberno procure novas vías de negociación co PSOE. E, se o acordo se amosa imposible, anima a seguir adiante coa cuestión de confianza como vía para evitar o bloqueo que se estivo a vivir nos últimos meses.

Agora ben, este apoio está condicionado a un compromiso de lealdade por parte do Partido Socialista, que deberá plasmarse de xeito claro e por escrito. Os concelleiros e concelleiras do PSOE non foron dignos de confianza no último ano e medio, faltando a miúdo aos compromisos adquiridos verbalmente. Viuse a semana pasada, cando tardaron 12 horas en rachar o acordo cunha rolda de prensa unilateral na que mentiron sobre os termos do pacto. Por iso, a sinatura dun documento escrito faise imprescindible para acreditar un cambio de actitude pola súa banda.

 

Respecto ás liñas básicas e desbloqueo das decisións paralizadas

16387293_1446706782007778_881327660110647932_nLogo dun debate, aceptouse a fórmula de corresponsabilidade á que apuntaban as negociacións do pasado mércores, na que tres representantes do PSOE cooperarían co goberno, sen competencias directas, no desenvolvemento dalgúns proxectos.

Pero é irrenunciable o respecto ás liñas básicas dos Orzamentos 2017 e ás políticas estratéxicas para a Marea Atlántica, como o cambio no modelo de mobilidade, a defensa da titularidade e a xestión públicas na fronte marítima da cidade e o impulso á Área Metropolitana. Tamén se marcou como liña vermella o mantemento das emendas incorporadas polo BNG na súa negociación honesta co goberno municipal.

De igual xeito, esixiuse o desbloqueo de todas as decisións políticas que o PSOE mantivo paralizadas nos últimos meses, como a ordenanza de mercados, os cambios normativos na ORA ou a estabilidade orzamentaria da depuradora de Bens.

 

Non é cuestión de nomes

Na Rede tamén se debateron os posibles nomes das concelleiras e os concelleiros socialistas que poderían entrar neste acordo de corresponsabilidade. Por traxectoria e pasado político, resulta evidente que algúns nomes espertan máis consenso ca outros. Pero non é unha cuestión de nomes, nin de converter os personalismos en liñas vermellas. Nunca existiu o veto que se quixo vender como escusa.

Deste xeito, a Rede da Marea Atlántica apoiou ao goberno municipal para facer, unha vez máis, unha invitación ao consenso. Porque políticas como a continuidade da Renda Social Municipal, evitar a especulación coa fachada marítima da cidade, frear a contaminación na ría ou impulsar un cambio na mobilidade están moi por riba de nomes.

E, se é necesario, as e os mareantes expresaron o seu respaldo explícito a convocar unha cuestión de confianza que leve a debater a continuidade do goberno municipal. Porque o importante é ter ferramentas para seguir a desenvolver políticas de cambio que melloren a vida da xente. Iso e non outra cousa é o que move as ondas da Marea Atlántica.

A Rede da Marea Atlántica apoia ao goberno municipal na procura dun pacto de estabilidade no Concello