Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “Nos contratos de reforzo da limpeza competiron varias empresas. O que non podemos é darllos a dedo a ninguén”

O goberno municipal céntrase en reforzar a limpeza de rúas, prazas e parques da cidade, para coidar do espazo público

O goberno municipal da Coruña, e a concellería de Medio Ambiente en particular, está a manter un constante diálogo cos traballadores e traballadoras da empresa CESPA, concesionaria da limpeza viaria e a recollida de lixo na Coruña. E está a responder as súas preguntas con claridade e transparencia.

Como explicou o alcalde, Xulio Ferreiro “atendemos ás demandas veciñais e sacamos unha serie de contratos de reforzo do servizo de limpeza que non se inclúen no contrato básico, que ten 10 anos de antigüidade e remata pronto. E como non pode ser doutra forma, sacáronse en procedementos nos que competiron varias empresas. Nalgúns presentouse CESPA, e gañou, e noutros non. O que non podemos é darllos a dedo a ninguén“.

Mentres seguen as conversas, o goberno municipal céntrase en reforzar a limpeza das rúas, prazas e parques da cidade, para garantir un mellor coidado do espazo público. Ese é o único obxectivo da Concellería de Medio Ambiente, e estase a levar a cabo desde o máximo respecto á legalidade e os dereitos laborais.

 

As críticas da central sindical non teñen fundamento

  • Os traballos de reforzo da limpeza no verán están fóra do contrato do servizo básico de limpeza. Polo tanto, o Concello está obrigado pola Lei de Contratos do Sector Público a garantir os principios de transparencia e igualdade de oportunidades. Non pode dalos “a dedo” a unha empresa.
  • En todas as contratacións de reforzo están garantidos os dereitos laborais da plantilla, como en todas as que realiza este goberno municipal. As cláusulas agora esixen respecto aos convenios e condicións dignas, ao contrario que nos mandatos anteriores. Nos novos pregos para o servizo de limpeza é fundamental o mantemento das condicións de traballo
  • Ningunha destas novas contratacións afecta, en absoluto, ao contrato de servizo básico que desenvolve CESPA, nin ás máis de 400 traballadoras e traballadores que Ferrovial-Cespa ten na Coruña. Seguen a facer o seu labor exactamente igual que antes.
  • Non é certo que se lles “obrigue” a limpar parcelas privadas. Esta queixa foi recibida con sorpresa, pois se refire a espazos de titularidade privada, pero de uso público, que son atendidos polos servizos municipais desde moito antes da chegada da Marea Atlántica ao Concello da Coruña. Lugares como a praza da Gaiteira ou a praza do Papagaio, que ninguén querería que se deixasen de limpar. Con todo, cando a central sindical entregue polos cauces oficiais un listado dos lugares afectados, daráselle resposta a cada caso.

Os contratos, en detalle

En concreto, o Concello ten en marcha cinco contratos de reforzo do servizo de limpeza. Son os seguintes:

  1. O reforzo da recollida de residuos para o sector da hostalería e comercio, que está activo durante o verán na zona de maior concentración de negocios. Foi adxudicado a CESPA por procedemento negociado, logo de solicitar tres orzamentos.
  2. Servizo de instalación de contedores móbiles durante o verán, que se poñen e se quitan na zona centro. Está relacionado co anterior. Trátase dun contrato menor, adxudicado a CESPA logo de solicitar tres orzamentos.
  3. Reforzo do baldeo nocturno con auga en 45 prazas e rúas da cidade. No contrato de limpeza viaria, que está a punto de rematar, só se contempla a limpeza con auga entre Juana de Vega e María Pita. Por medio deste contrato, exténdese o servizo a todos os barrios excluídos. Contratouse segundo procedemento negociado coa empresa VALTALIA, que fixo a oferta máis vantaxosa das tres solicitadas. CESPA foi convidada, pero non se presentou.
  4. Reforzo na eliminación de vexetación espontánea. Servizo complementario para a limpeza de vexetación nas rúas e beirarrúas, máis necesario agora que se eliminaron os herbicidas tóxicos na cidade, como o glifosato. Foi adxudicado a MOELI como contrato menor, logo de solicitar tres orzamentos.
  5. Contrato ponte de roza e limpeza viaria. Licitado para atender as necesidades da roza durante a primavera de 2017, para garantir a seguridade pública e a prevención de lumes. É un contrato menor adxudicado a EULEN, que presentou a oferta máis vantaxosa das tres solicitadas. Había outra con mellores condicións económicas, pero rexeitouse porque non garantía os dereitos laborais da plantilla.

A Pé de Barrio

A maiores, o Concello activou en xuño o programa A Pé de Barrio, un plan intensivo de mellora e coidado dos espazo público que actuará nos 10 distritos da Coruña. Este servizo si forma parte do contrato con CESPA para o servizo xeral de limpeza da cidade. E outros gobernos xa puxeron en marcha iniciativas similares, tanto co PP como co PSOE, sen que existisen problemas por parte das centrais sindicais.

Desde a Marea Atlántica e o goberno municipal da Coruña seguiremos a traballar por unha cidade máis limpa, máis respectuosa co medio ambiente e máis coidada. Por unha Coruña mellor para vivir.

Compromiso e transparencia na limpeza viaria