Saltar ao contido

Iago Martínez e Alberto Lema reuníronse con Espazo Coop para trasladarlle unha proposta de reforma da instrución de contratos do Concello, que apoie ás empresas sociais, de inserción laboral e centros especiais de emprego

Presentámoslle tamén o proxecto ‘Mover os Baixos’, un plan para rescatar os locais comerciais baleiros da Coruña, que inclúe o fomento de iniciativas de economía social

O vicevoceiro da Marea Atlántica no Concello, Iago Martínez, e o voceiro provincial, Alberto Lema, mantiveron unha xuntanza con representantes da Unión de Cooperativas Galegas – Espazo Coop para trasladarlles a nosa proposta para Mover os Baixos e reactivar os locais baleiros na Coruña, incluíndo o fomento de iniciativas da economía social. 

Tamén lle trasladamos unha proposta para modificar a instrución de contratación do Concello para favorecer a adxudicación de contratos a empresas da economía social e de inserción laboral, xunto a centros especiais de emprego. “Trátase dunha iniciativa que se puxo en marcha en Cádiz este mesmo ano e que se pode aplicar tamén na Coruña, profundizando no camiño que abrimos no pasado mandato coa introdución pioneira de cláusulas sociais na contratación”, explicou Iago Martínez. 

En canto a Mover os Baixos, tal e como presentamos a semana pasada, trátase dunha proposta para recuperar locais comerciais baleiros na Coruña e loitar contra a imaxe das persianas baixadas, xa demasiado habitual nos barrios. Está pensada para actuar en tres eixes:

  1. Axudas de ata 15.000 euros para novas actividades en locais en desuso, una liña de subvencións para pequenas empresas, persoas autónomas e iniciativas de economía social. Terían cabida comercio, perruquería, servizos, academias, coworking, obradoiros, alimentación, deporte, cultura, arte, etc.
  2. Banco de baixos en aluguer: crear unha bolsa pública de locais dispoñibles, con prezos razoable e garantías para as persoas propietarias e arrendatarias. Estaba prevista no Presco 2020, pero Inés Rey nunca chegou a desenvolvela. 
  3. Compra de locais por parte do Concello, a través dun concurso público, dándolle prioridade a aqueles con mellores condicións e aos barrios con máis locais pechados ou con menos servizos de proximidade. 

Doutra banda, as representantes de Espazo Coop presentaron os resultados positivos do convenio que manteñen coa Deputación da Coruña, apoiado pola Marea Atlántica. “Grazas a esta colaboración institucional, no último ano fixeron posible a creación de once novas empresas de economía social que crearon 25 postos de traballo de calidade no último ano, a pesar da crise”, resumiu Alberto Lema. 

A economía social e colaborativa é, nestes momentos, unha vía con moito potencial para que persoas que perderon o seu medio para gañarse a vida por mor da pandemia, ou que forman parte de colectivos con problemas de inserción laboral, teñan unha segunda oportunidade. É unha vía para unha sociedade máis xusta, inclusiva e igualitaria que debe apoiarse desde o Concello da Coruña. 

Apostamos por reforzar o compromiso do Concello da Coruña coa economía social a través da contratación