O goberno municipal recoñece a importancia do Dépor e as súas xentes como motor económico e símbolo popular
Realizará un histórico investimento de 7 millóns de euros para solucionar o antigo problema das cubertas de Riazor e así garantir o benestar do deportivismo
A Marea Atlántica xurde do corazón mesmo do pobo coruñés, por iso sabe perfectamente o que o Deportivo significa para a cidade, tanto no plano simbólico como no material. Tamén formamos parte do deportivismo, sentimento e orgullo colectivo do que ninguén debe querer apropiarse, a todos e todas pertence.
Ningunha entidade da Coruña recibe tanto apoio municipal como o Dépor, que usa de forma gratuíta o estadio de Riazor, de propiedade municipal, de toda a cidadanía polo tanto. O Concello, ademais, faise responsable das cubertas do recinto. Estas sofren problemas desde hai moitos anos, defectos que non naceron hai ano e medio cando a Marea chegou ao Goberno local, como falsamente intentan facer crer desde algúns foros de papel.
Da chapuza ao temporal
O PP deixou un insuficiente proxecto de reforma para as cubertas de Riazor, marcado pola chapuza, que a contratista negouse a facer. Expoñiamos a unhas obras precintadas e un longo litixio xudicial que paralizase durante anos as necesarias reformas. O Goberno da Marea resolveu ese contrato sen que lle custase un peso ás arcas públicas e decidiu ser moito máis ambicioso. A obra custará 7 millóns de euros, que pagará o Concello. Mudarán por completo as cubertas máis antigas, as de Preferencia e Tribuna. E faranse reparacións en Maratón e Pabillón. É unha reforma integral que garante a renovación de Riazor para varias décadas. Non se pode dicir que falte compromiso, 7 millóns de euros triplica o orzamento que deixou o anterior goberno local para o estadio municipal. Trátase dunha forte aposta pública.
Tampouco ten culpa a Marea Atlántica da metereoloxía, aínda que sempre haberá quen lla bote. O temporal do 3 de febreiro causou danos que xa se están a arranxar, permitindo o partido contra o Alavés. A maiores, está a piques de adxudicarse un contrato de mantemento das cubertas, para vixilar o seu estado e garantir aínda máis a seguridade. Anteriores gobernos locais nunca fixeron isto.
Patrimonio da Coruña
O Concello comezou xa a redactar o anteproxecto necesario para comezar as obras en Riazor, que estará listo en cousa de 3 meses. Todo o proceso será consensuado co Consello de Administración do Deportivo, a través dunha Mesa Técnica de Seguimento. A reforma completa das cubertas podería comezar antes de xuño de 2018, reducindo ao máximo os prazos das administracións públicas. Sempre son longos, pero é para evitar as vías rápidas da corrupción.
O Dépor, e o estadio de Riazor, son de todas e todos. Son da Coruña. O branco e o azul son cores que representan á cidade, e ninguén debería facer deles unha arma política. O goberno da Marea Atlántica seguirá, desde logo, coidando da seguridade dos milleiros de persoas que acoden ao estadio. Formamos parte deles –o alcalde Xulio Ferreiro é socio de General, o número 5.070– e por iso coñecemos ben a quen agora busca reeditar vellos enfrontamentos mediante a provocación. Non imos caer na trampa. O Goberno local e a Marea Atlántica teñen moito que facer polo Dépor e todo o que o que significa. E niso vanse centrar. No benestar do deportivismo, o que realmente importa.