Silvia Cameán: “O atasco é monumental, con máis de 300 denuncias sen tramitar, co mesmo persoal que en 2006 e as baixas sen cubrir. Os tempos da Xustiza están moi lonxe do que precisan as superviventes do machismo”
A Marea Atlántica súmase á reivindicación de profesionais da Xustiza e colectivos feministas, e reclama a apertura na Coruña dun segundo xulgado de Violencia contra a Muller, xa que o único que existe actualmente está colapsado desde hai tempo. Como explica a concelleira Silvia Cameán, “O atasco é monumental, e demora a resolución de asuntos que non poden agardar. O persoal segue a ser o mesmo que cando abriu, en 2006, a pesar do incremento do número de denuncias, e non se están nin a cubrir as baixas, responsabilidade da Xunta de Galicia. Os tempos da Xustiza están moi lonxe de achegarse ao que precisan as superviventes da violencia machista”.
Segundo datos do sindicato CCOO, o Xulgado de Violencia contra a Muller da Coruña ten nestes momentos máis de 300 asuntos pendentes de incoar. Non está operativo festivos nin fins de semana e pecha a diario as tres da tarde. As mulleres que acoden a denunciar fóra dese horario son atendidas polo xulgado que estea de garda, sen recursos especializados para as vítimas do machismo.
“As mulleres deben sentirse acompañadas e que non se cuestiona o que están contando. É necesario asegurar que os poderes públicos non as abandonan”, reflexiona Cameán. “Tamén é preciso avanzar na educación en igualdade, tal e como se contempla na lexislación vixente, para que diminúa a violencia machista ante o aumento de casos que están a darse tras a pandemia”. É necesaria e urxente a apertura dunha segunda unidade, que o Estado debe incluír na planta xudicial, e a Xunta de Galicia dotar de persoal e orzamento.
Máis recursos, menos discursos
“De nada serve aprobar e reformar leis se non están dotadas con recursos para facelas cumprir. Trátase de garantir o dereito das mulleres a ter unha vida libre de violencias machistas”, resume Silvia Cameán.
Cando está a piques de conmemorarse o Día Internacional pola Erradicación da Violencia contra a Muller, este 25 de novembro, seguimos a reclamar un compromiso real na loita contra o machismo, non só sobre o papel. Desde o 1 de xaneiro de 2003, data na que comezaron a rexistrarse o casos, foron 1.114 as vítimas mortais da violencia de xénero. Só no que levamos de 2021, foron 70 as asasinadas, entre elas Mónica, a nosa veciña do Birloque.