O comité de empresa de Cespa Ferrovial declarouse “interlocutor non válido” ante o goberno da Coruña, que lles trasladou o seu compromiso firme cos dereitos laborais
A folga convocada polo sindicato STL segue sen reivindicacións claras. Non se vai consentir que se empregue con intencións alleas á defensa dos intereses dos traballadores
Para un diálogo, fan falla dúas partes, pero hoxe non foi posible. O comité de empresa de Cespa Ferrovial, a empresa encargada da limpeza das rúas e a recollida do lixo, acudiu hoxe a unha xuntanza co goberno municipal no pazo de María Pita. A pesar que de que foi este comité quen pediu o encontro, os seus representantes chegaron, saudaron e marcharon. Sen negociar nada nin facer ningunha reivindicación.
O encontro serviu para que o alcalde, Xulio Ferreiro, lles trasladara o que xa coñecen por declaracións públicas e encontros anteriores co goberno municipal: non corren perigo os postos de traballo nin as condicións salariais dos traballadores e as traballadoras de Cespa Ferrovial. Nin agora nin cando se liciten o novos contrato de servizo para a recollida de lixo e a limpeza viaria.
Dificultades para o diálogo
Hoxe, o comité de empresa de Cespa declarouse “interlocutor non válido”, a pesar de ser a representación legal e democrática da plantilla da empresa. Cando non exercen a súa función, deixan ao persoal desprotexido e desinformado.
Neste caso, como xa hai sobre a mesa unha folga, convocada sen reivindicacións claras nin negociación previa, remiten ao comité de folga como única autoridade na materia. Un comité de folga composto por una única persoa, que resulta ser o secretario xeral do STL, o sindicato maioritario no comité de empresa. O mesmo sindicato que hoxe estivo na xuntanza en María Pita e non quixo falar.
Mañá, novo encontro para tentar desbloquear o conflicto
Pese a todos os obstáculos, o Concello non vai renunciar ao diálogo. Hoxe mesmo constituiu unha comisión para resolver este conflicto, e mañá terá a súa primeira reunión. A esta cita foi convocado o comité de folga unipersoal. Seguiranse explorando todas as vías que sexan necesarias.
O que non se pode permitir que se convoque unha folga por razóns alleas á defensa dos lexítimos intereses dos traballadores, nin que se poñan sobre a mesa reivindicacións que nada teñen que ver co laboral, e que violan a normativa de contratación pública.
Finalmente, lembramos que boa parte das acusacións e denuncias que o STL está a realizar nos medios de comunicación xa foron contestadas aquí.