Saltar ao contido

No que vai de mandato, o executivo municipal destinou case 23 millóns de euros a máis de 7.300 contratos menores, unha fórmula legal pero desaconsellada pola UE

A web de información cidadá ‘Onde van os meus impostos’ leva sen actualizarse desde que cambiou o goberno

O vicevoceiro da Marea Atlántica e presidente da Comisión de Transparencia do Concello da Coruña, Iago Martínez, convocou hoxe unha xuntanza deste organismo para o vindeiro martes, 31 de maio, coa intención de que o goberno local renda contas sobre os seus resultados en contratación, gasto en publicidade institucional e políticas de transparencia, tal e como foi acordado ao comezo do mandato. En outubro de 2019, o executivo comprometeuse a presentar informes periódicos sobre estes tres conceptos, e nesta ocasión deberá entregar os de 2021.  

Ademais, tras publicarse  os datos sobre contratos menores do primeiro trimestre deste ano, puidemos comprobar que desde que o PSOE goberna en María Pita asináronse un total de 7.346 acordos opacos deste tipo, que suman case 23 millóns de euros. 

En 2021, foron 2.279 os contratos menores, por un total de 8,1 millóns e un importe medio de case 3.000 euros, un lixeiro descenso tras a marca histórica acadada en 2020, cando se superaron os 10 millóns de euros neste concepto, cun gasto medio de 3.800 euros), pero é necesario traballar para reducir aínda máis esta fórmula de contratación. “Está contemplada pola legalidade, pero outórgase sen publicidade e a vontade de quen goberna, polo que a Unión Europea desaconsella o seu uso como mecanismo de xestión habitual”, sinala Iago Martínez. 

A maiores, volveremos reclamar que se actualice a web de transparencia Onde van os meus impostos, que servía para que a veciñanza coñecese a distribución dos investimentos municipais. Leva todo o mandato conxelada, sen actualizarse con información dos orzamentos e as liquidacións aprobadas neste mandato.

Convocamos a Comisión de Transparencia para que o goberno local renda contas