María García: “Esixímoslle á Xunta e ao Estado que asuman as compensacións ao marisqueo mentres as obras de saneamento impidan o traballo”
Rexistramos unha batería de preguntas ao goberno local para coñecer o papel do Concello na recuperación da ría e a protección da súa biodiversidade
A Marea Atlántica vén de rexistrar unha serie de preguntas de resposta escrita dirixidas ao goberno local para interesarse polo papel do Concello na supervisión das obras de saneamento da ría do Burgo, que deberían comezar en breve tras dez anos de trámites. Neste sentido, instamos ao Ministerio de Medio Ambiente, promotor do proxecto, a constituír a Comisión de Seguimento reclamada polos concellos da Mesa da Ría do Burgo, na que A Coruña debería ter un papel activo.
“Cremos que a cidade ten que implicarse na evolución do saneamento da ría. A dragaxe é unha obra necesaria pero delicada, que repercute en toda a desembocadura da ría do Burgo, e en particular en zonas de uso público coma as praias de Oza e Santa Cristina. O Concello ten que estar na comisión de seguimento para garantir que se cumpren os prazos, e que se minimicen posibles efectos negativos das obras. A biodiversidade da ría é fonte de riqueza natural e emprego, debemos coidala”, argumenta a nosa voceira, María García.
En relación á dragaxe da Ría, o goberno da Marea Atlántica presentou no seu momento propostas para aproveitar ao máximo o proxecto de rexeneración ambiental: a vixilancia exhaustiva das repercusións nas zonas de baño de Oza e Santa Cristina, a protección de ecosistemas valiosos coma as marismas e pradarías mariñas de xebra (ou zostera, unha variedade de planta subacuática), a retirada de plantas invasoras coma os plumachos ou a futura creación dun gran espazo natural metropolitano que combine o carácter produtivo coa conservación da natureza e a educación ambiental.
A concelleira lembrou que, durante o mandato da Marea Atlántica, se contribuiu á mellora das condicións na ría do Burgo coa localización e eliminación do 80% das verteduras contaminantes, algo polo que ningún outro goberno se preocupara antes. Coidar as augas e a contorna natural tradúcese en mellor calidade de vida, e debería ser unha prioridade para todas as administracións.
“Non aprezamos que o goberno actual estea a interesarse polo proxecto de dragaxe da ría máis alá de tentar apuntarse o tanto do investimento do Estado. As obras de rexeneración son necesarias pero tamén delicadas e cómpre dedicarlles atención especializada”
Compensacións ao marisqueo
Ademais, García reclamoulle á Xunta de Galicia e ao Estado “que deixen de intercambiar acusacións e asuman a responsabilidade de compensar ás persoas que traballan no marísqueo na ría do Burgo mentres non poidan exercer o seu labor polos traballos de dragaxe e saneamento”.
Estamos a falar dunha obra que custará uns 26 illóns de euros, mentres a Confraría de Pescadores da Coruña reclama 1,3 millóns en compensacións polo marisqueo, unha cantidade xusta e perfectamente asumible.