Iago Martínez: “Estamos a 12 de abril e o goberno compareceu hoxe na Comisión sobre o plan de axudas contra a pandemia sen un só papel, sen propostas e sen cifras claras. Ningún avance desde que comezou o ano”
Hai un mes que propuxemos un plan de 25 millóns de euros para rescatar A Coruña e a única resposta do executivo é ofertar 3,6 millóns e recortes en Cultura
O vicevoceiro da Marea Atlántica e integrante da Comisión de Facenda, Iago Martínez, volveu reclamarlle hoxe ao goberno municipal que “se deixe de fotos e xogos de tronos” e demostre un pouco de “empatía” coas necesidades da veciñanza. Vai sendo hora de poñerse a traballar no importante. “Estamos a 12 de abril. O goberno convócanos para avanzar no novo plan de axudas contra a pandemia e aparece sen un só papel, sen propostas e sen cifras claras. Nin un só paso adiante en catro meses”, resume Martínez. Tampouco informaron de cantas axudas seguen sen pagar desde 2020 (eran 600 en febreiro) a pesar das reiteradas solicitudes.
É imposible elaborar un plan ou facer achegas sen ter unha cifra clara de cantos fondos pensa dedicar o goberno para financialo, e sen coñecer a situación económica real do Concello, fóra dos titulares que Inés Rey escolle sementar. A estas alturas de ano non ter a liquidación de 2020 é unha absoluta anomalía que nada ten que ver coa pandemia, porque outras cidades galegas como Vigo ou Compostela foron quen de facelo. Cómpre lembrar que a única razón pola que A Coruña carece de orzamentos este ano é a decisión unilateral de Inés Rey.
“O goberno ten que centrarse no que importa e poñerse a traballar nisto dunha vez. Ten que amosar, cando menos, un pouco de empatía coas necesidades da veciñanza. Precisamos datos reais, precisamos que se axilicen as axudas que eran de emerxencia cando se aprobaron, en xullo de 2020, e que seguen no caixón, e precisamos que fagan algo máis que lanzar propaganda e agardar polas propostas da oposición”, resume Martínez. “Á vista da situación económica e das dificultades que están a pasar moitos fogares, moitas pequenas e medianas empresas e moitas persoas autónomas, 3,6 millóns é unha cantidade ridícula. E ofrecerse a incrementala con novos recortes en Cultura, tal e como fixo esta mañá o goberno, un erro que prexudicará a un sector vulnerable”.
A maneira máis rápida e áxil para dotar de recursos o novo Presco é que todos os grupos que participan na súa elaboración coñezan o estado actual de execución do orzamento e poidan facer propostas realistas, sen trampa nin cartón, para reorientar os recursos municipais. Esta mañá, primeiro na comisión e despois a través do Rexistro, o viceportavoz da Marea Atlántica esixiulle ao concelleiro de Facenda esta información.
5+1 medidas para rescatar A Coruña
Neste sentido, a Marea Atlántica reiterou as ideas que puxo sobre a mesa hai un mes e para as que aínda non tivemos resposta: mobilizar aproximadamente 25 millóns de euros nun plan para rescatar A Coruña, con 5 liñas estratéxicas e coa recuperación dos convenios coas entidades do terceiro sector que foron vetados ilegalmente por Inés Rey. Tras os datos coñecidos esta fin de semana, sabemos que o goberno dispón de fondos para cubrilos, aínda que o negue nas súas declaracións públicas.
Deste xeito, propoñemos empregar os recursos municipais para ampliar e axilizar as axudas á pequena hostalería, comercio e cultura, crear bolsas para contratación de persoas desempregadas e para alugueiro de vivenda, reforzar os servizos sociais e atender ás necesidades de coidados. Os 13,5 millóns destinados ao Presco 2020 quedaron curtos, como proban os centos de axudas aínda por pagar, polo que é necesario aprender dos erros e poñer en marcha un novo plan máis xusto, eficiente e transformador.