Este organismo estará formado por persoal técnico e de todos os grupos políticos da Corporación, con apoio das universidades da Coruña e Santiago de Compostela
Froito do acordo entre a Marea Atlántica e o goberno local, o operador enerxético utilizará fontes de enerxía 100% renovables para loitar contra a pobreza enerxética e o cambio climático
A creación dun operador enerxético municipal na Coruña, que empregue fontes de enerxía 100% renovables, que poida ofrecer unha alternativa as grandes empresas eléctricas, dará o vindeiro martes 12 de abril un novo paso coa posta en marcha da comisión político-técnica que se encargará de perfilar a forma legal deste proxecto de eficiencia/sostibilidade enerxética e loita contra o cambio climático.
Esta comisión estará formada por persoal técnico municipal, e terá representación de Emalcsa (a empresa que asumirá a xestión do operador) e de todos os grupos políticos da Corporación, contando co apoio de persoal investigador das universidades da Coruña e Santiago de Compostela.
Dotar ao Concello da Coruña dun operador enerxético forma parte dos acordos asinados entre a Marea Atlántica e o PSdeG-PSOE para a investidura de Inés Rey como alcaldesa, e foi renovado no marco da aprobación dos Orzamentos 2022.
A voceira da Marea Atlántica, María García, que tamén formará parte da comisión político-técnica, sinala que “paga a pena percorrer o camiño que nos levará a ter unha empresa eléctrica municipal, para dotar á Coruña dunha ferramenta que nos permita non estar ao capricho das grandes multinacionais. O Concello poderá autoabastecerse de electricidade, desde fontes renovable e non contaminantes, e darlle servizo tamén aos fogares vulnerables, loitando contra a pobreza enerxética”.
O concelleiro de Facenda, José Manuel Lage, representante do goberno local na comisión, destacou que con a posta en marcha deste organismo “damos un paso máis na aposta do Concello da Coruña pola sostibilidade e a loita contra o cambio climático como xa fixemos co proxecto de renovación de toda a iluminación pública da cidade para o que conseguimos 12 millóns de euros de fondos europeos e co proxecto de obtención de gas da EDAR de Bens entre outros”
Emalcsa xa traballa no Mapa das Enerxías Renovables
Na mesma liña, a empresa municipal Emalcsa está a avanzar na redacción do Mapa das Enerxías Renovables da Coruña, que permitirá identificar os mellores espazos para producir enerxía limpa dentro da cidade e a área metropolitana, en terreos xa urbanizados e minimizando o impacto ambiental. Estanse a estudar tecnoloxías de xeración eléctrica en edificios municipais a través de instalacións minieólicas e fotovoltáicas, entre outras.