A Marea Atlántica amosa a súa decepción pola falta de iniciativa do goberno local sobre o futuro dos peiraos
Preocúpanos a pasividade amosada na Comisión do Bordo Litoral, mentres a Autoridade Portuaria segue a moverse para vender terreos, cos plans de 2004 do pelotazo aínda en vigor
A presidenta da Comisión Especial do Bordo Litoral do Concello da Coruña e voceira municipal da Marea Atlántica, María García, amosou hoxe a súa decepción pola falta de avances e compromisos por parte do goberno local no que respecta ao futuro dos peiraos interiores. Tras a xuntanza do organismo, celebrada hoxe, García explicou que “o que nos trasladou hoxe o goberno se resume nunha palabra: nada. Cero avances e cero iniciativa municipal sobre a que será a maior transformación urbana en décadas: a integración do porto interior na cidade. É algo que vemos con preocupación”.
O concelleiro de Urbanismo e representante do Concello no Consello de Administración da Autoridade Portuaria (APAC) afirmou non ter información sobre movementos de calado deste organismo nos últimos meses. Nin tampouco aportou datos de novas xestións do executivo local co goberno Estado para conseguir a condonación da débeda, como en Valencia. É a única saída realista, pois o contrario supón que a cidade pague unha débeda inxusta renunciando á súa fachada marítima, un prezo inasumible.
A situación é que o equipo de Inés Rey permanece inactivo, sen lograr acordos entre administracións, e sen apoiar as iniciativas da veciñanza para defender o bordo litoral.
Os convenios de 2004 e a débeda portuaria seguen aí
Falouse tamen na Comisión da reordenación dos usos no peirao de Calvo Sotelo e da nova taxación dos terreos de San Diego, que multiplica o valor dos terreos portuarios e deixa entrever cambios de uso que poden conlevar a xeración de plusvalías. “Asuntos sobre os que o concelleiro nin sequera se interesou, coma se o incremento do valor dos peiraos ou as perspectivas económico-financeiras do porto non fosen relevantes para a cidade”, resume a nosa voceira. E engade que “esta pasividade municipal ten consecuencias, supón deixar sen resposta as manobras da Autoridade Portuaria e Puertos del Estado, que seguen a folla de ruta dos convenios de 2004 do pelotazo á beira do mar. Convenios que seguen en vigor e forman parte do PXOM actual”.
María García lamenta que Inés Rey e o seu equipo estean a perder o liderado e o músculo que a cidade precisa. Mentres a APAC “mes tras mes anuncia exposicións, concertos e actividades nos peiraos, demostrando que estes terreos xa poden ter un uso público sen necesidade de mercalos nin vendelos, ao mesmo tempo, “fai movementos financeiros e urbanísticos para preparar a venda de solo en San Diego, algo fronte ao que nin o Concello nin a Corporación Municipal poden quedar de brazos cruzados”.
Os peiraos precisan dunha solución única, que elimine a débeda, e ordene os usos de case medio millón de metros cadrados. Tendo en conta o ocio e os espazos abertos, pero tamén a pesca e as actividades económicas da zona de San Diego. Un porto que sexa cidade, pero que non renegue do emprego e as actividades produtivas. É posible, con vontade política, tal e como aconteceu noutras xeografías que foron quen de antepoñer o interese da cidade.