Saltar ao contido

María García: “O futuro dos peiraos debátese a porta pechada. PP e PSOE votan acordos no Pleno e no Parlamento de Galicia para traizoalos en canto poden, xogando ao Monopoly coa fachada marítima da Coruña”

Mentres a alcaldesa garda silencio, Feijóo pretende crear un “Vaticano” no centro da cidade: unha illa de competencia autonómica nun lugar estratéxico da fachada marítima

María García, voceira da Marea Atlántica e presidenta da Comisión Especial do Bordo Litoral no Concello da Coruña, denunciou hoxe que Inés Rey segue sen aclarar os seus plans para o futuro dos peiraos interiores da Coruña: “O futuro do porto negociase a porta pechada. O goberno local non aclara o seu proxecto e segue a ocultar a documentación que lle entregou Núñez Feijóo. Pero o silencio cómplice non se pode consentir cando Xunta e Estado están a facer chamamentos a vender terreos en San Diego para un ladrillazo e mentres o PP fai unha envolvente para crear unha illa de competencia autonómica no centro da Coruña”. 

O goberno municipal volveu presentarse hoxe sen a documentación que lle entregou a Xunta de Galicia, que mesmo lle foi denegada a María García ata en dúas solicitudes formais de acceso, co argumento peregrino de que “non forma parte dun expediente”. Unha falta de transparencia absoluta, habitual no PSOE e que foi criticada por todos os grupos da oposición

Tampouco foi claro o goberno coa súa postura cara á xuntanza interadministrativa que se celebra o mércores, ofrecendo só indicacións vagas e que non incluían a defensa dos consensos dos últimos anos. “Esiximos compromiso coa condonación da débeda portuaria, coa xestión e titularidade pública dos peiraos que queden liberados, coa participación cidadá e a protección do emprego á hora de deseñar os seus usos. PP e PSOE votan unha cousa no Pleno ou no Parlamento de Galicia e traizóana en canto se meten nun despacho, para xogar ao Monopoly coa fachada marítima”, resume a nosa voceira. 

Por iso, pediulle ao goberno local “que escoite, que negocie, e que leve á xuntanza interadministrativa deste mércores unha postura coherente cos acordos xa ratificados varias veces pola Corporación,en lugar de sentarse a dicir amén a todo o que manden a Xunta e o Estado”.

Unha illa da Xunta no centro da Coruña

Pese a todo, tentaremos que este xoves volvan retratarse no Pleno do Concello da Coruña, onde presentamos unha moción conxunta respaldada por 40 entidades sociais de toda a área metropolitana, que busca defender o porto fronte a especulación inmobiliaria. Reclama, ademais, que a alcaldesa publique un Bando de apoio á manifestación do 30 de maio convocada pola Comisión en Defensa do Común e ceda o Salón de Plenos para unha asemblea, tal e como fixo Xulio Ferreiro no ano 2017. Daquela había un alcalde que non ocultaba a súa postura. 

“Mentres Inés Rey fica sen dicir nada, sabemos pola prensa que Feijóo quere montar o seu propio Vaticano no centro da Coruña, unha illa de competencia autonómica e a prezo de saldo. Paga a metade dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería e controla o 51% do ente que os xestione, puidendo tomar todas as decisións”, denuncia a nosa voceira. A Xunta e a Autoridade Portuaria, ambas controladas polo PP, están a facer unha envolvente pensando nas eleccións de 2023, o goberno local segue á espera, a facer o que lle manden, en lugar de defender o interese xeral da veciñanza. 

O pelotazo oculto en San Diego

En todo este proceso, asistimos a un xogo de fume e espellos. Xunta e Autoridade Portuaria centrar toda a atención na apertura dos peiraos do centro, unha boa nova e que demostra que o que sempre reclamou a Marea Atlántica era só cuestión de vontade política. Pero mentres buscan a foto en Calvo Sotelo e Batería, gardan silencio sobre San Diego, onde se concentran a maioría dos metros cadrados a liberar, porque “falta moito para que se poidan abrir”. 

Porén, a realidade é que os convenios de 2004, asinados en tempos de Francisco Vázquez, xa están incorporados ao Plan Xeral vixente da Coruña e fixan a construción de 4.000 vivendas, tres veces o barrio de Matogrande. Eses convenios deberán renovarse mediante un acordo interadministrativo, que xa se está negociando e que se anuncia para dentro de seis meses. Será aí, e non en 2027, cando se fixe o novo rumbo para San Diego. 

Ante esta situación, reiteramos o chamamento a participa na manifestación do 30 de maio, que sairá ás 12h da praza da Palloza, para deixar claro que a veciñanza da Coruña quere uns peiraos abertos á cidade e produtivos, en lugar dunha urbanización de pisos con vistas ao mar e prezos imposibles.

Inés Rey segue a ocultar información sobre o porto mentres á Xunta vai á ofensiva para facerse cos peiraos do centro