Saltar ao contido

O porto da Coruña vén de inchar o valor económico dos peiraos interiores cunha nova taxación seguindo o guión previsto en 2004

María García: “Dun lado, estase a demostrar que os peiraos xa poden ter un uso público, doutro, seguen os movementos pola porta de atrás para vendelos, ante a inacción municipal” 

A presidenta da Comisión Especial do Bordo Litoral do Concello da Coruña e voceira municipal da Marea Atlántica, María García, convocou unha xuntanza deste organismo no vindeiro martes, 21 de xuño, para analizar as últimas decisións da Autoridade Portuaria (APAC): a reordenación dos usos no peirao de Calvo Sotelo e a nova taxación dos terreos de San Diego pensada para inchar os prezos. Instamos ao concelleiro de Urbanismo e representante municipal no Consello de Administración da APAC, Francisco Díaz Gallego, a trasladar información ao respecto e dar a coñecer a postura do goberno local fronte a estes movementos. 

En concreto, nas últimas semanas, a Autoridade Portuaria modificou a taxación do solo nos peiraos de San Diego, multiplicando o seu prezo mediante un truco contable. Unha manobra que só se xustifica pola multimillonaria débeda que o Porto da Coruña continúa a ter co Estado e a perspectiva de satisfacela coa venda de terreos portuarios, tal e como prevén os convenios urbanísticos de 2004. Eses convenios que a alcaldesa insiste en que non están xa en vigor, pero que non foron anulados, seguen integrados no PXOM e seguen a ser a folla de ruta da APAC. 

Escasa iniciativa por parte do goberno local

A Autoridade Portuaria tamén abriu en maio a reordenación de espazos e usos portuarios do peirao de Calvo Sotelo. Ningunha destas actuacións tivo debate nin explicacións públicas. Realizáronse de costas á veciñanza. Tampouco tiveron reacción por parte do goberno local, que está a amosar unha preocupante pasividade e falta de liderado en todo o que ten que ver co futuro do bordo litoral da Coruña. E xa vemos o que ocorre cando o Concello está cruzado de brazos, que o porto avanza no plan previsto en 2004 por Francisco Vázquez, Álvarez Cascos e Núñez Feijoo: vender os peiraos e edificar neles coma antes da crise inmobiliaria.

Como advirte a nosa voceira, “mes tras mes vemos exposicións, concertos e actividades nos peiraos, que xa son públicos sen necesidade de pagar un peso por eles. Pero doutro lado, seguen os movementos pola porta de atrás para facilitar a venda destes terreos e quitarllos á cidadanía da Coruña”. Nin o Concello nin a Corporación Municipal poden quedar en silencio ante estas actuacións da Autoridade Portuaria, polo que na Comisión deste martes pedirémoslle ao goberno local que dea conta das xestións realizadas sobre o futuro dos peiraos interiores. 

García lembrou que a Autoridade Portuaria ten apuros financeiros por un único motivo: a débeda imposible que se deriva das obras do Porto Exterior. “E non ten sentido hipotecar unha cidade para pagar unha infraestrutura de interese xeral do Estado, e menos cuns intereses de usura. A única solución realista é condonar esa débeda, como se fixo en Valencia. Protexer á Coruña antes que o negocio de Puertos del Estado”. 

Os peiraos precisan dunha solución única, que elimine a débeda, e ordene os usos de case medio millón de metros cadrados. Tendo en conta o ocio e os espazos abertos, pero tamén a pesca e as actividades económicas da zona de San Diego. Un porto que sexa cidade, pero que non renegue do emprego e as actividades tradicionais. É posible, con vontade política. 

Convocamos a Comisión do Bordo Litoral para valorar os últimos movementos da Autoridade Portuaria e coñecer a posición do goberno local