Saltar ao contido

María García, presidenta deste organismo, convidou tamén as dez asociacións veciñais de expresaron o seu desexo de participar no debate

Trasladaremos aos deputados e ás deputadas da circunscrición da Coruña unha proposta de emendas de máis de 250 millóns


A voceira municipal da Marea Atlántica e presidenta da Comisión Especial do Bordo Litoral no Concello, María García, anunciou hoxe que convocará este organismo nos próximos días na procura dun posicionamento político unánime no que se reclame a condonación da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña e a urxencia de incluír a conexión ferroviaria de Punta Langosteira no proxecto de Orzamentos Xerais para 2021. A data será fixada de acordo cos distintos grupos municipais. 

“Está en xogo a maior transformación urbana pendente na Coruña, a recuperación dos peiraos interiores”, afirmou García. Neste encontro, tamen se lle pedirá información ao goberno municipal do traballo encargado á Universidade da Coruña para a revisión dos convenios urbanísticos de 2004. A esta xuntanza foron convidadas as dez asociacións veciñais que reclamaron ter voz, para que o debate en torno a esta cuestión sexa amplo e con participación da sociedade civil.

“Non se pode consentir que o goberno do Estado destine 400 millóns para perdoarlle a Valencia a súa débeda portuaria, que nace dos excesos da Copa América e a Fórmula Un, e nin un peso para a da Coruña, que se debe ao Porto Exterior, obra de interese xeral. Non se pode consentir que vaian 140 millóns do Estado para a conexión ferroviaria do porto de Castellón e nada para a de Punta Langosteira”, sinalou a nosa portavoz. 

García lembrou que Autoridade Portuaria ten unha débeda de 300 millóns de euros, na que o principal acredor é o propio Estado, con 200 millóns. 

Emendas aos Orzamentos do Estado

Este asunto debería formar parte do Pleno Extraordinario para tratar sobre os Orzamentos do Estado, aprobado pola Corporación o 1 de outubro tras unha moción da Marea Atlántica, pero Inés Rey négase a convocalo. Ante o seu silencio cómplice, enredada nas pelexas internas do PSOE, seguiremos insistindo e enviaremos unha carta ás deputadas da provincia da Coruña coas nosas emendas aos prespupostos, que suman máis de 250 millóns de euros ao escaso investimento na Coruña. 

Entre outros proxectos, reclamamos 200 millóns da condonación da débeda da Autoridade Portuaria con Puertos del Estado, 25 millóns para a primeira anualidade da conexión ferroviaria do Porto Exterior de Punta Langosteira y e 10 millóns para infraestruturas viarias e ferroviarias de proximidade, nos que se inclúen 850.000 euros para a pasarela de Pedralonga. 

O perigo de que regrese a especulación

A portavoz da Marea Atlántica sinalou, tamén, que “sen condonación da débeda da AP, haberá quen xustifique a compravenda de terreos e a xeración de plusvalías para uns poucos petos a partir dun espazo público, un modelo que xa milleiros de persoas rexeitaron na rúa, e que foi reprobado en diversos acordos polo Concello da Coruña, a Deputación e o Parlamento de Galicia”. O consenso en todos eses acordos é o mesmo: condonación da débeda, financiamento da conexión ferroviaria, uso e titularidade pública dos terreos portuarios para que non se especule con eles, constitución dun consorcio público e revisión dos convenios de 2004. E ademais, criterios de mobilidade, ambientais e de creación de emprego. Pero este consenso, este sentir común da Coruña, non se está a ver atendido por parte do goberno central.

A que se dedica o PSOE da Coruña?

Mentres isto sucede, Inés Rey e o PSOE da Coruña falan só das leas internas do PSOE da Coruña, abandonando por completo os intereses da cidade. “Ineś Rey chegou á alcaldía prometendo liña directa con Madrid, pero o único que ten é un teléfono estropeado”.

O concelleiro Juan Díaz Villoslada, representante do Concello no Consello de Administración da Autoridade Portuaria, nin sequera acudiu a semana pasada á xuntanza de urxencia que se convocou para analizar a grave situación do porto. No vindeiro Pleno, preguntarémoslle que tiña que facer para deixar sen voz á cidade da Coruña. 

Convocaremos a Comisión do Bordo Litoral na procura dun acordo unánime para reclamar a condonación da débeda a Autoridade Portuaria