Saltar ao contido

María García: “Tal e como acordamos na última convocatoria da Comisión, é preciso que o goberno represente a toda a Corporación na negociación sobre os peiraos interiores e respecte os consensos. Un goberno en minoría non pode ir por libre e traizoar os acordos”

O Concello da Coruña debe manter as reclamacións cidadás dos últimos anos: condonación da débeda, financiamento do tren a Punta Langosteira, e en ningún caso vender os peiraos para facer caixa


María García, voceira da Marea Atlántica, anuncia que convocará nos próximos días a Comisión Especial do Bordo Litoral, organismo que preside, para avanzar nunha posición común de todos os grupos municipais sobre o futuro do porto da Coruña, de cara a vindeira reunión entre o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Transportes. 

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, e José Luis Ábalos, ministro de Transportes, anunciaron na súa última comparecencia pública que á volta de Semana Santa haberá un encontro entre as tres administracións para despexar algunhas das moitas incógnitas sobre a integración dos peiraos interiores na cidade. Entre elas, como e cando vai chegar o enlace ferroviario á dársena exterior de Punta Langosteira e, sobre todo, a condonación da débeda da Autoridade Portuaria. 

“Tal e como acordamos na última xuntanza da Comisión do Bordo Litoral, o goberno municipal comprometeuse cos membros da Comisión a recoller unha postura conxunta e defender o interese xeral da Coruña fronte ás outras administracións. O goberno municipal non pode ir por libre, xa o intentou e o único que estamos a ver son retrocesos”, explica María García. Nunca antes o Estado falara tan claramente de vender os terreos portuarios para pagar unha débeda con intereses próximos á usura, e nacida das obras do Porto Exterior. 

A nosa voceira reclama respecto polos consensos acadados nos últimos anos tanto no Concello como na Deputación e o Parlamento de Galicia, e defendidos na rúa cunha manifestación de 5.000 persoas en 2017: condonación da débeda, como en Valencia; financiamento da conexión ferroviaria, como en Castellón; e renuncia á especulación inmobiliaria en plena fachada marítima. O porto debe seguir sendo un porto, motor económico e de emprego, sen renunciar aos usos produtivos. Os futuros usos deben deseñarse con participación cidadá e, moi importante, desde o uso e titularidade pública dos terreos portuarios. Isto último non exclúe a iniciativa privada, que pode darse en réxime de concesión tal e como ocorre agora mesmo no Porto, pero si impide que se poida vender o solo para apostar no casino inmobiliario. 

Convocaremos a Comisión do Bordo Litoral para avanzar unha posición común do Concello nas negociacións sobre o futuro do porto ante a Xunta e o Estado