Saltar ao contido

“É inxustificable que máis de 400 nenas e nenos queden sen axudas, as trabas burocráticas non poden ser trabas aos dereitos”, asegurou a presidenta da comisión

A concelleira da Marea Atlántica e presidenta da Comisión de Benestar Social, Silvia Cameán, convocou este organismo o vindeiro martes 15 de outubro,ás 12.00 horas, para que o goberno municipal explique a situación das familias afectadas polas denegacións masivas de bolsas comedor. Segundo os datos facilitados pola propia Concellería de Benestar Social, as axudas pasaron das 1.641 do ano pasado ás 1.200 do presente curso. Das 1.992 solicitudes presentadas, rexeitáronse 1.177, case a metade por falta de documentación. 

“É inxustificable que máis de 400 nenas e nenos queden sen axudas, as trabas burocráticas non poden ser trabas aos dereitos”, declarou Silvia Cameán, lembrando que no curso anterior, coa mesma Lei de Subvencións, o goberno da Marea Atlántica foi quen de superar os problemas e sacar adiante a convocatoria de bolsas comedor. Desde a Marea Atlántica amosamos a nosa disposición de colaborar para atopar unha solución, pero é preciso ofrecerlles unha alternativa ás familias, sobre todo a aquelas máis vulnerables.

O mesmo día 15 de outubro, ao remate da Comisión de Benestar, Silvia Cameán reunirase coa Federación de ANPAS de centros públicos para trasladarlles a información de primeira man e ofrecerlles todo o apoio que precisen.

 

Silvia Cameán convoca o martes a Comisión de Benestar Social para que o goberno explique as denegacións masivas de bolsas comedor