Saltar ao contido

O goberno municipal deixou caducar o contrato do equipo responsable da Renda Social e non o renovou. Agora mesmo só hai unha persoa destinada en exclusiva ao programa

Silvia Cameán: “A concelleira Yoya Neira prometeu ter as bolsas comedor concedidas a mediados de outubro. Vai rematar o mes e segue habendo centos de solicitudes sen valorar”

Desapareceu o Servizo de Atención Inmediata en Servizos Sociais, implantado no mandato da Marea Atlántica para aquelas persoas que non poden agardar 

A concelleira Silvia Cameán, presidenta da Comisión de Benestar Social do Concello da Coruña, denunciou hoxe os enormes problemas de xestión que se están a dar na Renda Social Municipal, nas bolsas comedor, no Servizo de Atención Inmediata e nos servizos sociais do Concello, “algo gravísimo durante unha crise social e sanitaria como a que estamos a vivir”. Xusto cando aumenta a demanda, o executivo local baixa a resposta.

Cameán respaldou as súas demandas con informes de entidades sociais que confirman os problemas na tramitación da Renda Social Municipal, nas bolsas comedor e na xestión dos Servizos Sociais en xeral. O goberno municipal faría ben en escoitar, deixar de negar a realidade e poñerse a traballar para afrontar a situación de pandemia. Non é só que se deneguen recursos, senón que non se lles está a ofrecer ningunha alternativa ás persoas que o precisan, ignorando posibilidades como a tarxeta moedeiro. 

Graves problemas na Renda Social Municipal

En primeiro lugar, Silvia Caméan denunciou que o goberno de Inés Rey está a atrasar sistematicamente as citas para valorar ás persoas que solicitan a Renda Social Municipal, en moitos casos ata mediados de novembro. Noutros casos, persoas atendidas a comezos de outubro seguen a agardar a que se lles chame para presentar documentación. “A Renda Social, creada polo goberno de Xulio Ferreiro en 2016, é o último recurso de moitos fogares, a última axuda á que se pode acudir, e o goberno local mantena paralizada”, sinala Cameán. 

Ademais, denunciamos que o contrato do equipo que se ocupaba de tramitar a Renda Social rematou hai semanas sen que o goberno fose quen de renovalo. Deste xeito, perdéronse 4 traballadoras sociais, 4 auxiliares de atención cidadá, 1 xestor orzamentario e 2 persoas técnicas que se ocupaban da Renda en exclusiva, sen que ninguén as substitúa. O mesmo ocorreu co contrato do Equipo Hábitat, que traballaba nos asentamentos precarios da Coruña para a inclusión e o realoxo, unha necesidade agora abandonada. 

Tamén é un misterio como pensa o goberno municipal cubrir a previsible demanda de solicitudes da Renda Social Municipal se renuncia a aprobar uns Orzamentos en 2021

Atraso nas bolsas comedorComedor valeiro dunha escola

Doutra banda, Silvia Cameán denunciou que a 22 de outubro seguen sen resolverse as bolsas comedor, “a pesar que na última xuntanza da Comisión de Benestar, en setembro, a concelleira Yoya Neira prometeu que estarían concedidas a mediados de outubro”. Daquela, só estaban valoradas 990 solicitudes das 3.197 que se presentaron, pese a contar con 20 funcionarias dedicadas en exclusiva, fronte ás 4 do mandato anterior. Na actualidade o goberno municipal négase a ofrecer datos, que reclamaremos por todas as vías posibles.

“As bolsas comedor son fundamentais para garantir unha correcta alimentación na infancia, sobre todo nos fogares con menos recursos. Mantelas no aire, sen garantir o acceso dos nenos e nenas ao comedor é unha enorme irresponsabilidade”, reflexiona Cameán. 

Desaparición do Servizo de Atención Inmediata

A presidenta da Comisión de Benestar Social tamén denunciou o desmantelamento do Servizo de Atención Inmediata (SAI), creado no pasado mandato para aquelas persoas que precisan atención urxente (en casos como desafiuzamentos, cortes de luz ou acceso a alimentación). Na actualidade, o tempo de agarda está en 20 días, mentres que a través da web municipal non quedan xa datas este ano, só os ocos que van quedando dispoñibles por canleación Durante o goberno anterior, o SAI atendía no mesmo día, sen tempo de agarda.

Preguntamos, sen resposta, como pensa o goberno municipal resolver este inmenso atasco na atención e valoración inicial ás persoas que se atopan en risco de exclusión e non teñen tempo que perder. Existe un grave problema coa fenda dixital, xa que o único xeito de solicitalas é a través de internet e hai moitas persoas que non dispoñen de ordenador ou teléfono, quedando excluídas do sistema. 

A concelleira tamén demandou  información sobre as axudas sociais que estaba previsto conceder a través do plan de choque do Concello fronte á pandemia, o chamado PRESCO. O mesmo ocorre coa ampliación do servizo de canguraxe, introducida neste plan pola Marea Atlántica e aínda pendente de levarse a cabo. A propaganda precisa feitos que a respalden. 

Por último, Silvia Cameán solicitou que o goberno faga público os os cambios no modelo de atenció nos servizos sociais tras a desaparición do SAI, que implemente medidas para resolver a fenda dixital. Reclamou tamén a convocatoria do Consello Local de Inclusión Social para abordar con todo o tecido do terceiro sector a situación de crise derivada da pandemia. 

A resposta dos Servizos Sociais no Concello da Coruña non está á altura nun momento de grave crise