Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

A Marea recibe do goberno local en funcións varios informes por áreas

A delegación da plataforma cidadá cualificou de “cordial” o encontro, no que tamén se comezou a organizar o Pleno de investidura do sábado, no que a Marea desexa a maior participación da cidadanía

Unha delegación da Marea Atlántica, da que formaban parte Iago Martínez e Benedicto Álvarez, reuniuse esta mañá con representantes do goberno local en funcións, que lles entregaron varios informes por cada área de goberno así como referentes a Protección Civil, bombeiros e Policía Local; a Memoria da xestión de 2014; o Plan de Seguridade de San Xoán 2015 e a execución orzamentaria a comezos de xuño deste ano.

Desde a Marea cualificaron de “cordial” o encontro mantido esta mañá e o seu equipo de goberno xa estuda a fondo a documentación recibida, que será valorada de forma pública en próximos días. “Amablemente”, segundo a plataforma cidadá, o goberno en funcións ofreceuse a colaborar para resolver calquera dúbida ou ampliar información persoalmente cos próximos compoñentes do goberno.

Durante a reunión tamén se tratou a organización do Pleno de Investidura do próximo sábado 13 de xuño, que a Marea pediu que fora retransmitido por streaming -para o que non haberá problema- e no que tamén solicitou as maiores facilidades posibles -dentro das limitacións, especialmente de aforo para que a cidadanía poida acudir a presenciar en vivo o Pleno, do que sairá Xulio Ferreiro investido como novo alcalde da Coruña. Así mesmo, a Marea pediu un dispositivo de seguridade o máis discreto e amable que se poida e chamará tamén a reunirse na praza de María Pita ao remate do evento institucional, xa que alí realizará algún tipo de acto simbólico e político coa cidadanía asistente. O Pleno terá lugar ás 11.00 horas da mañá.

Comeza o traspaso de poderes