Código Ético

Código Ético2022-06-17T14:35:54+02:00

Este documento de Código Ético foi aprobado na Marea Viva de 2022

1. Renovación

O presente Código Ético establece un máximo de oito anos durante os que se pode  ser representante público da Marea Atlántica. Isto equivale a dous mandatos completos e consecutivos, coa posibilidade de volver á lista nun futuro logo dun mandato sen ocupar un cargo electo.

Esta cláusula refírese unicamente aos cargos electos, e é invariable, acádense ou non cotas de goberno.

2. Transparencia

Os cargos electos da Marea Atlántica deben facer públicas as súas declaracións de bens, renda e, no seu caso, de patrimonio ao comezo e ao fin do mandato. Tamén se farán públicas ao abandonar o cargo.

No caso das declaracións de bens será necesario indicar a porcentaxe de titularidade e co-titularidade. Ademais, deberán facerse públicas as retribucións vinculadas ao cargo, salarios, dietas e indemnizacións por asistencia a órganos.

O balance de gastos e ingresos do Grupo Institucional deberá ser publicado anualmente.

A web da Marea Atlántica recollerá o salario, a función e o currículo das persoas que ocupen postos de persoal eventual mentres desempeñen a súa función. Esta información tamén estará presente, de ser posible, nas webs do Concello e das institucións nas que a Marea Atlántica estea presente.

3. Limitación de retribucións e privilexios

A limitación salarial vixente actualizarase, dentro do límite dos 40.000 euros brutos anuais, en función das cargas familiares, da variación do custo da vida e dos acordos resultantes da negociación salarial a nivel estatal, podéndose aplicar medidas correctoras que eviten a discriminación salarial en materia de xénero. A táboa salarial resultante, que se adaptará ás competencias e responsabilidades asumidas por cada unha das persoas, deberá ser referendada pola Rede.

O Grupo Institucional deberá renunciar a calquera tipo de privilexio vinculado ás súas responsabilidades, incluídas as indemnizacións por asistencia a órganos, entes, organismos e empresas dependentes da administración, e ao emprego inxustificado de vehículos oficiais.

Poderán recibir compensacións económicas, en todo caso, polos gastos de transporte —preferentemente público—, alimentación e aloxamento ocasionados pola súa actividade.

A única excepción a esta cláusula é o suposto daqueles cargos electos que non perciban salario, caso no que si sería permitido recibir compensacións económicas polo labor realizado nos órganos que correspondan.

Os cargos electos, así como o persoal de designación política, eventual ou doutro tipo, que forme parte da Marea Atlántica, estarán obrigados a doar á Marea Atlántica o 5% das súas retribucións netas mensuais.

As limitacións das retribucións do persoal eventual serán análogas ás dos cargos electos.

As representantes institucionais renunciarán á recepción de obsequios que teñan un valor maior de 50€ e a privilexios materiais, coa excepción daqueles que cumpran unha función puramente protocolaria. No caso dos agasallos de carácter institucional, pasarían a consignarse e catalogarse e polo tanto a formar parte do inventario da institución correspondente.

Unha vez ponderadas ou compensadas as cargas fiscais correspondentes, a diferenza entre o soldo ingresado mensualmente e o límite salarial establecido por este Código Ético, de habela, destinarase á Marea Atlántica. Os usos dese fondo decidiraos a Rede e deberán facerse públicos.

4. Outros compromisos éticos

Os cargos electos e persoal eventual asumen o compromiso ético derivado dos principios da Marea Atlántica en cuestións relativas a todos os ámbitos da igualdade de xénero, feminismos, as diversidades, tanto funcionais como sexuais e étnicas, así como no que atinxe á igualdade, a sustentabilidade, a inclusión social, a economía social e innovación democrática.

Os cargos electos da Marea Atlántica comprométense a render contas periodicamente —de maneira presencial e virtual— diante da Marea Atlántica e da cidadanía, e a considerar a vontade popular expresada nos espazos de participación democrática que poidan articular no futuro, non só nos que existen na actualidade. Dita rendición de contas realizarase de xeito ordinario con carácter semestral e de forma extraordinaria cando esta veña motivada.

Os cargos electos da Marea Atlántica comprométense tamén a poñer todos os medios posibles para garantir a participación da cidadanía nas decisións relevantes que afecten a esta.

O persoal eventual comprométese a colaborar cos cargos electos na rendición de contas e a considerar e garantir a vontade e a participación cidadás.

Tanto cargos electos como persoal eventual empregarán o diálogo, a argumentación, a escoita activa e o debate de ideas, tanto en campaña electoral como no exercicio das súas responsabilidades públicas, para promover as súas propostas.

Os cargos electos e o persoal eventual comprométense a recibir formación nos campos próximos aos asuntos da súa responsabilidade, nos que escollan libremente e naqueles que se consideren transversais para o exercicio das súas responsabilidades, prestando especial atención á formación en materia de xénero e aqueloutra que a Marea Atlántica propoña en atención aos seus principios.

5. Compatibilidades

A Marea Atlántica permite e recoñece o dereito á dobre militancia.

Os cargos electos da Marea Atlántica non poderán ocupar máis dun cargo político como representante público, agás cando llelo esixan as súas responsabilidades como concelleiras, incluídas entre estas a Deputación e un futuro ente metropolitano.

O exercicio de actividade profesional será incompatible co desempeño dun cargo electo ou de persoal eventual naqueles casos nos que se incorra nun conflito de intereses entre ambos, calquera que esta fose. En todo caso, é de obrigado cumprimento a normativa legal de incompatibilidades.

Se algún dos cargos electos ou persoal eventual quixese solicitar a compatibilidade, deberá informarse á Rede para o seu coñecemento. Se algunha persoa da Rede considerase que a antedita solicitude incorre nalgunha incompatibilidade, será o Comisión de Garantías quen se encargue de clarificalo.

O desempeño de cargos orgánicos na propia Marea ou noutras forzas políticas e sociais por parte de cargos electos e persoal eventual será incompatible sempre que se trate de cargos de carácter unipersoal de tipo executivo e voceirías.

Os cargos electos ou de designación política da Marea Atlántica comprométense a non obter melloras laborais ou mercantís ilexítimas derivadas do exercicio das súas funcións propias do mandato. A lexitimidade estará sometida a control pola Marea Atlántica na Comisión de Garantías a fin de evitar as denominadas “portas xiratorias” ou uso dos cargos públicos como trampolín profesional no sector privado.

6. Mandato

As persoas integrantes da candidatura coa que a Marea Atlántica concorra ás eleccións comprométense a integrarse, no caso de resultar elixidas, no Grupo Institucional vinculado á Marea Atlántica e a asumir os documentos e regulamentos que rixan o seu funcionamento. No caso de non incorporarse ao Grupo Institucional, a candidata comprométese a entregar a súa acta ou credencial e dar paso á seguinte persoa da candidatura.

Os cargos electos da Marea Atlántica comprométense a non abandonar as súas responsabilidades para concorrer a outra convocatoria electoral durante o mandato, salvo aprobación expresa da Rede.

Cando se abandone o goberno local, os cargos electos e de designación política da Marea Atlántica comprométense a non prestar servizos para empresas contratistas ou concesionarias directamente relacionadas coas funcións que exerceu no Concello da Coruña durante un prazo mínimo de dous anos desde o cesamento no cargo público. Así mesmo, comprométense a non acceder, durante un periodo de cinco anos, a cargos de responsabilidade en empresas creadas, reguladas ou supervisadas en virtude do seu cargo, e durante dez anos tampouco aos seus consellos de administración.

Os cargos electos da Marea Atlántica, así como o persoal eventual, poderán ser revogados pola Rede, seguindo os mecanismos que a tal fin se habiliten, no caso de violación deste Código Ético ou de incumprimento grave e non xustificado do programa electoral. A revogación, unha vez aprobada na Rede conlevará a petición da entrega da acta do cargo en cuestión.

Ademais, comprométense a renunciar de forma inmediata ante a imputación xudicial de delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. Tamén no caso de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras. Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde a autoridade xudicial estime a existencia de indicios racionais de delito. Non será causa de dimisión ou cesamento a imputación resultado dunha actuación política expresamente autorizada pola Marea Atlántica.

O persoal eventual cesará por vontade propia, ou por acordo do Grupo Institucional en colaboración coa Coordinadora. Dito cesamento deberá ser motivado e notificado á Rede.

Como complemento desta norma, o Grupo Institucional presentará un regulamento de funcionamento interno que inclúa unha relación de dereitos e deberes de cargos electos e persoal eventual, así como un protocolo de resolución de conflitos con mención a tempos, formas e mecanismos para abordalos. Este regulamento será presentado en Rede para o seu referendo.