Código Ético

Código Ético2021-03-01T18:10:42+01:00

Este documento de Código Ético foi aprobado na Marea Viva de 2020-21

1. Renovación

O presente Código Ético establece un máximo de oito anos durante os que se pode  ser representante público da Marea Atlántica. Isto equivale a dous mandatos completos e consecutivos, coa posibilidade de volver á lista nun futuro logo dun mandato sen ocupar un cargo electo.

Esta cláusula refírese unicamente aos cargos electos, e é invariable, acádense ou non cotas de goberno.

2. Transparencia

Os cargos electos da Marea Atlántica deben facer públicas as súas declaracións de bens, renda e, no seu caso, de patrimonio. Tamén se farán públicas ao abandonar o cargo.

No caso das declaracións de bens será necesario indicar a porcentaxe de titularidade e co-titularidade. Ademais, deberán facerse públicas as retribucións vinculadas ao cargo, salarios, dietas e indemnizacións por asistencia a órganos.

Todos estes datos deben ser publicados anualmente, incluíndo o balance de gastos e ingresos do Grupo Institucional.

A web da Marea Atlántica recollerá o salario, a función e o currículo das persoas que ocupen postos de persoal de apoio mentres desempeñen a súa función. Esta información tamén estará presente, de ser posible, nas webs do Concello e das institucións nas que a Marea Atlántica estea presente.

3. Limitación de retribucións e privilexios

A limitación salarial vixente actualizarase, dentro do límite dos 40.000 euros brutos anuais definido no Código Ético, en función das cargas familiares, da variación do custo da vida e dos acordos resultantes da negociación salarial a nivel estatal, puidéndose aplicar medidas correctoras que eviten a discriminación salarial en materia de xénero. A táboa salarial resultante, que se adaptará ás competencias e responsabilidades asumidas por cada unha das persoas, deberá ser referendada pola Rede.

O Grupo Institucional deberá renunciar a calquera tipo de privilexio vinculado ás súas responsabilidades, incluídas as indemnizacións por asistencia a órganos, entes, organismos e empresas dependentes da administración, e ao emprego inxustificado de vehículos oficiais.

Poderán recibir compensacións económicas, en todo caso, polos gastos de transporte —preferentemente público—, alimentación e aloxamento ocasionados pola súa actividade.

A única excepción a esta cláusula é o suposto daqueles cargos electos que non perciban salario, caso no que si sería permitido recibir compensacións económicas polo labor realizado nos órganos que correspondan.

En ambos casos, cargos electos e eventuais que perciban un salario e cargos electos que só perciban indemnizacións por asistencia a órganos, estarán obrigadas a doar á Marea Atlántica o 5% destas compensacións.

As limitacións das retribucións do persoal de apoio serán análogas ás dos cargos electos.

As representantes institucionais renunciarán á recepción de obsequios que teñan un valor maior de 50€ e a privilexios materiais, coa excepción daqueles que cumpran unha función puramente protocolaria. No caso dos agasallos de carácter institucional, pasarían a consignarse e catalogarse e polo tanto a formar parte do inventario da institución correspondente.

Unha vez ponderadas ou compensadas as cargas fiscais correspondentes, a diferenza entre o soldo ingresado mensualmente e o límite salarial establecido por este Código Ético, de habela, destinarase á Marea Atlántica. Os usos dese fondo decidiraos a Rede e deberán facerse públicos.

4. Outros compromisos éticos

Os cargos electos e eventuais asumen o compromiso ético derivado dos principios da Marea Atlántica en cuestións relativas a todos os ámbitos da igualdade de xénero, feminismos, as diversidades, tanto funcionais como sexuais e étnicas, así como no que atinxe á igualdade, a sustentabilidade, a inclusión social, a economía social e innovación democrática.

Os cargos públicos da Marea Atlántica comprométense a render contas periodicamente —de maneira presencial e virtual— diante da Marea Atlántica e da cidadanía, e a considerar a vontade popular expresada nos espazos de participación democrática que poidan articular no futuro, non só nos que existen na actualidade. Dita rendición de contas realizarase de xeito ordinario con carácter semestral e de forma extraordinaria cando esta veña motivada.

As persoas representantes da Marea Atlántica comprométense tamén a poñer todos os medios posibles para garantir a participación da cidadanía nas decisións relevantes que afecten a esta.

O persoal eventual comprométese a colaborar cos cargos electos na rendición de contas e a considerar e garantir a vontade e a participación cidadás.

Tanto eventuais coma electas empregarán o diálogo, a argumentación, a escoita activa e o debate de ideas, tanto en campaña electoral como no exercicio das súas responsabilidades públicas, para promover as súas propostas.

Os cargos electos e os eventuais comprométense a recibir formación nos campos próximos aos asuntos da súa responsabilidade, nos que escollan libremente e naqueles que se consideren transversais para o exercicio das súas responsabilidades, prestando especial atención á formación en materia de xénero e aqueloutra que a Marea Atlántica propoña en atención aos seus principios.

5. Compatibilidades

A Marea Atlántica permite e recoñece o dereito á dobre militancia.

As persoas representantes da Marea Atlántica non poderán ocupar máis dun cargo político como representante público, agás cando llelo esixan as súas responsabilidades como concelleiras, incluídas entre estas a Deputación e un futuro ente metropolitano.

O exercicio de actividade profesional será incompatible co desempeño dun cargo institucional naqueles casos nos que se incorra nun conflito de intereses entre ambos, calquera que esta fose. En todo caso, é de obrigado cumprimento a normativa legal de incompatibilidades.

Se algunha das persoas electas ou persoal de apoio quixese solicitar a compatibilidade, deberá informarse á Rede para o seu coñecemento. Se algunha persoa da Rede considerase que a antedita solicitude incorre nalgunha incompatibilidade, será a Coordinadora, ou o Comité de Garantías cando se instaure, quen se encargue de clarificalo.

O desempeño de cargos orgánicos na propia Marea ou noutras forzas políticas e sociais por parte de cargos institucionais será incompatible sempre que se trate de cargos de carácter unipersoal de tipo executivo e voceirías.

Os cargos electos ou de designación política da Marea Atlántica comprométense a non obter melloras laborais ou mercantís ilexítimas derivadas do exercicio das súas funcións propias do mandato. A lexitimidade estará sometida a control pola Marea Atlántica na Comisión de Garantías, ou no seu defecto, no órgano e procedemento desenvolvidos con tal cometido, a fin de evitar as denominadas “portas xiratorias” ou uso dos cargos públicos como trampolín profesional no sector privado

6. Mandato

As persoas integrantes da candidatura coa que a Marea Atlántica concorra ás eleccións comprométense a integrarse, no caso de resultar elixidas, no grupo institucional vinculado á Marea Atlántica e a asumir os documentos e regulamentos que rixan o seu funcionamento. No caso de non incorporarse ao grupo institucional, a candidata comprométese a entregar a súa acta ou credencial e dar paso á seguinte persoa da candidatura.

Os cargos electos da Marea Atlántica comprométense a non abandonar as súas responsabilidades para concorrer a outra convocatoria electoral durante o mandato, nin para ocupar postos directivos ou similares en empresas, fundacións etc, cuxa actividade estea directamente ligada ao Concello, agás se conta co acordo explícito da Rede da Marea Atlántica.

Os cargos electos da Marea Atlántica, así como o persoal de confianza e cargos directivos, poderán ser revogados pola Rede, seguindo os mecanismos que a tal fin se habiliten, no caso de violación deste Código Ético ou de incumprimento grave e non xustificado do programa electoral. A revogación, unha vez aprobada na Rede conlevará a petición da entrega da acta do cargo en cuestión.

Ademais, comprométense a renunciar de forma inmediata ante a imputación xudicial de delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. Tamén no caso de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras. Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde a autoridade xudicial estime a existencia de indicios racionais de delito. Non será causa de dimisión ou cesamento a imputación resultado dunha actuación política expresamente autorizada pola Marea Atlántica.

O persoal de apoio cesará por vontade propia, ou por acordo do Grupo Institucional en colaboración coa Coordinadora. Dito cesamento deberá ser motivado e notificado á Rede.

O persoal de apoio comprométese a renunciar de forma inmediata ante a imputación xudicial de delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. Tamén no caso de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras. Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde a autoridade xudicial estime a existencia de indicios racionais de delito. Non será causa de dimisión ou cesamento a imputación resultado dunha actuación política expresa e previamente autorizada pola Marea Atlántica.

Como complemento desta norma, o grupo institucional presentará un regulamento de funcionamento interno que inclúa unha relación de dereitos e deberes de concelleiras e persoal eventual, así como un protocolo de resolución de conflitos con mención a tempos, formas e mecanismos para abordalos. Este regulamento será presentado en Rede para o seu referendo.