Numerosos negocios están a denunciar que se lles cobrou a cota íntegra, a pesar de que Inés Rey prometera descontar os meses de peche forzoso polo estado de alarma. Pedímoslle que emende o erro e devolva as taxas deste período
Pedímoslle a Inés Rey, tamén, que axilice o pago das axudas municipais, das que só o 2,8% foron abonadas. O compromiso con pemes e autonómos non pode ser só propaganda
Numerosos negocios de hostalería e comercio da Coruña están a denunciar nos últimos días que o Concello da Coruña lles está a cobrar a taxa de recollida de lixo íntegra, a pesar de que Inés Rey prometera descontar os meses de peche forzoso polo confinamento, entre o 15 de marzo e o 15 de xuño. A Marea Atlántica rexistrará unha pregunta ao goberno municipal para coñecer cantos establecementos se atopan nesta situación e para reclamar a inmediata devolución das taxas cobradas neste período.
En nota de prensa do 3 de xuño, o goberno municipal aseguraba que “as persoas físicas e xurídicas do sector servizos quedarán exentas tamén de aboaren a taxa de recollida do lixo no período comprendido entre o 15 de marzo e o 15 de xuño”. Unha promesa que non se está a cumprir en todos os casos, outra máis.
Desde a Marea Atlántica tamén lle reclamamos ao executivo local que axilice o pago das axudas do plan municipal contra a pandemia, o chamado Presco. Das 3.800 que foron solicitadas por pemes e autónomos en todas as modalidades, só 107 chegaron xa a quen as precisa, un escasísimo 2,8%.
Como sinala a nosa voceira, María García, “o compromomiso do concello cos negocios locais, e especialmente co sector da hostalería, que volve estar pechado sen alternativa, ten que ir máis alá da propaganda. De nada serven as axudas que chegan cando a persiana xa está baixada”.
Axudas da Xunta: tardías e insuficientes
Polo que respecta ás axudas para a hostalería anunciadas polo presidente da Xunta, é de lamentar que cheguen cando a situación xa é límite. Bares e restaurantes terán que pechar xa nesta fin de semana, pero as subvencións “urxentes” da Xunta non se aprobarán ata final de mes.
“Hai comunidades autónomas que xa aprobaron en marzo unha liña de axudas directas para pemes e persoas autónomas. A de Feijóo chegará como mínimo, oito meses despois. Reclamamos axilidade na tramitación e caracter redistributivo, que non cobre o mesmo o bar do barrio que unha multinacional”, engade García.