Saltar ao contido
Pazo de María Pita

O transfuguismo é unha couza que cómpre combater, afecte a quen afecte. É unha estafa, traizoa a vontade expresada pola cidadanía nas urnas e corrompe as institucións. Por iso hai que plantarlle cara alí onde se presente.

O transfuguismo é unha ameaza para un sistema democrático. O Pacto Antitransfuguismo defíneo como unha paloloxía política, que se dá cando unha representante pública abandona o partido co que concorreu ás eleccións e mantén a súa acta, distanciándose da vontade e do criterio do partido e dos seus votantes. Cando isto sucede, é unha estafa a quen escolleu unha opción política e ve como a súa elección é traizoada, como o interese duns poucos pasa por enriba do de milleiros de votantes.

Nun momento de pandemia e crise social, sanitaria e económica, a confianza da cidadanía nas súas institucións é esencial, o que esixe exemplaridade por parte dos representantes públicos. E iso non sucede hoxe, lamentablemente, no Concello da Coruña. O goberno de Inés Rey incumpre deliberadamente a lei e mantén unha tránsfuga sentada na Xunta de Goberno Local, con competencias directas na Concellaría de Deportes e representando o consistorio en diversas entidades. En plena emerxencia social, a alcaldesa dedícase ás intrigas de palacio, cesando unha compañeira de partido e premiando a quen dana a democracia.

No Estado español non é legal que unha tránsfuga forme parte dun goberno municipal. Nin é legal que cobre máis do que cobraba cando representaba lexitimamente a unha formación respaldada polo electorado. Na súa peor forma, a patoloxía do transfuguismo tumba gobernos e cambia alcaldes e presidentes, pero esa non é a súa única expresión. Déixano meridianamente claro tanto o Pacto Antitransfuguismo como a doutrina consolidada do Tribunal Supremo.

Para unha forza política que se considere democrática e republicana, combater o transfuguismo é unha obriga ética, afecte a quen afecte, e teña a forma que teña. O PSOE é un dos asinantes do Pacto Antitransfuguismo, actualizado e reafirmado o pasado 11 de novembro de 2020, e está a denunciar casos de transfuguismo en distintos concellos do Estado. Agás na Coruña. Aquí, a alcaldesa Inés Rey mantén unha tránsfuga equipo de goberno, malia a saber que dese xeito vulnera a lei.

Desde a Marea Atlántica temos claro que a nosa obriga ética é denunciar  esta situación, que mancha a reputación do Concello da Coruña xusto no peor momento das últimas décadas. Avisamos na Corporación, por todas as vías. Dixémolo publicamente. Manifestámolo publicamente. Consta nas actas de distintos órganos. E mesmo intentamos que se regularizase a situación presentando un recurso de reposición, en vía administrativa, que a alcaldesa decidiu desestimar fóra de prazo. Inés Rey non nos deixa outra opción. Deixamos o asunto en mans da Xustiza, e seguiremos a ocuparnos do importante, do urxente, de apoiar á veciñanza e o tecido asociativo da Coruña, de propoñer solucións para a terrible crise que estamos a vivir, de facer política para mellorar a vida da xente e non para ocupar cargos.

E seguiremos a combater a corrupción e o transfuguismo, alí onde se presenten, afecten a quen afecten, sexa coas siglas que sexa. Porque coa democracia non se xoga.

Coa democracia non se xoga