Saltar ao contido

BANNER-CAST-municipalisme-WEB-C5(3)

Vai case para tres meses desde a investidura dos novos alcaldes e alcaldesas. Queremos celebrar que, neste breve pero intenso período de tempo, xa se puxeron en marcha medidas que nos fan camiñar cara cidades máis xustas e democráticas. Por iso, o día 4 de setembro, venres, ás 19:00, no Centre Esportiu municipal da Estació del Nord, en Barcelona, celebraremos o encontro “Cidades polo Ben Común. Gañar compartindo experiencias de cambio”. Unha xuntanza para compartir e aprender todos os cambios iniciados. Porque nós gañamos as alcaldías, si, pero iso non é suficiente. Agora temos que recuperar as nosas cidades.

Na xuntanza van participar as alcaldesas Ada Colau (Barcelona), Manuela Carmena (Madrid), Dolors Sabater (Badalona) e os alcaldes Pedro Santisteve (Zaragoza), Xulio Ferreiro (A Coruña), Martiño Noriega (Santiago de Compostela), Joseba Asiron (Iruña) e José María González ‘Kichi’ (Cádiz). Son os líderes máis visibles dos gobernos municipais apoiados por plataformas, partidos e procesos cidadáns, creados desde abaixo e, que aínda sendo diferentes, compartimos obxectivos e prácticas. Somos procesos de cambio democrático local protagonizados por persoas que loitan para que os nosos concellos atendan as necesidades e demandas da veciñanza, para que rendan contas perante a xente, gobernando con transparencia. É o comezo dunha revolución democrática que non fixo máis que principiar.

Os novos gobernos obedecen a un mandato cidadán que se concreta nun proxecto de transformación nas cidades e os seus intereses van alén das siglas. Trátase dunha nova maneira de facer política que abre as institucións á cidadanía. Que combate a pobreza e as desigualdades. Que loita polo dereito das per-soas á vivenda. Que busca un modelo económica, social e ambientalmente sostible. Que garanta unha vida digna para todos e para todas. Este encontro servirá para que as organizacións partillen experiencias en políticas públicas en ámbitos tan importantes como a vivenda ou a participación cidadá. Os novos gobernos municipais elixidos nas pasadas eleccións teñen experiencias comúns e iso confírmanos que non estamos diante de propostas isoladas, senón perante unha marea municipalista cidadá con gran capacidade transformadora.

O día 4 de setembro, ven compartir e escoitar as experiencias de cambio que se están a vivir en moitas cidades. A revolución democrática xa está en marcha.

Agardámoste!

Cidades polo Ben Común. Gañar compartindo experiencias de cambio