Saltar ao contido
Porto da Coruña

María García: “A pelexa por ver quen colga a medalla e enterra máis cartos para ter contento a Puertos del Estado é absurda. Falemos dos peiraos, de que uso lles imos dar ou de como xerar emprego” 

Solicitamos una xuntanza urxente co goberno municipal para defender o consenso do Pleno e recuperar as alianzas coa cidadanía. Hai que parar esta subasta a porta pechada na que se están a converter as negociacións


A voceira da Marea Atlántica e presidenta da Comisión do Bordo Litoral no Concello da Coruña, María García, pediulles hoxe aos gobernos local e autonómico que “se deixen de pelexas infantís e volvan poñer A Coruña no centro do debate sobre o futuro do porto”. Tras o desafortunado intercambio de declaracións co que rematou a xuntanza interadministrativa de onte, desde o noso grupo pedimos que se respecten os acordos no Pleno, e pedimos unha xuntanza urxente co goberno local para analizar a situación e defender o consenso dos acordos plenarios

“Estamos a ver unha pelexa entre Inés Rey e Feijóo por ver quen colga a medalla máis grande, sae en máis fotos, e enterra máis cartos para ter contento a Puertos del Estado. Todo por ter algo que vender nas eleccións de 2023. É absurdo”, resume María García. Fálase só de quen vai pagar por un solo que xa é público, para manter unha débeda inxusta que debería quitarse do medio igual que en Valencia. “Nin unha semana tardaron PP e PSOE en rachar os que aprobou o Pleno por enésima vez: a condonación da débeda e a procura dunha solución global, sen esquecer os 370.000 metros cadrados dos peiraos de San Diego. 

Así, mentres Xunta e Concello discuten por apuntarse “méritos”, e mentres o Estado desenténdese e cobra uns intereses trece veces superiores aos do Banco Europeo de Investimento, quedan esquecidos asuntos cruciais: o uso que se lle dará aos terreos portuarios, como se integrarán na cidade, como se manterán e potenciarán os usos produtivos, como se afrontará a crise climática ou que oportunidades de emprego poden ofrecer. “Esquecen, en poucas palabras, o futuro da Coruña”, resume María García, quen lembrou que a recuperación dos peiraos é o maior reto urbanístico que lle queda por diante á cidade, e debe afrontarse de xeito serio e coa ollada longa, non na procura de anuncios electorais. 

Da participación cidadá á subasta a porta pechada

A voceira da Marea Atlántica sinalou que hai tan só tres anos, coa Marea Atlántica á fronte, abriuse un proceso participativo e de debate, con iniciativas coma o foro Tecendo Litoral ou o espazo Tribuna Pública, e traballouse na chamada Carta Litoral, unha planificación conxunta da relación da Coruña co mar. Hoxe, PP e PSOE só se están a preocupar de quen pon farolas nos peiraos de Calvo Sotelo e Batería. 

Gañar o porto para A Coruña áinda é posible, pero require un cambio de rumbo por parte do goberno local. Ten que avanzar da man da veciñanza, construír unha fronte política e social que defenda o interese da cidade, que amose firmeza fronte a ese Estado ao que só lle preocupa cobrar unha débeda inxusta, e a esa Xunta que só aparece para as fotos. 

Recordámoslle aos gobernos local e autonómico que a única protagonista do debate portuario debe ser a cidade da Coruña