O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía mantivo un encontro con representantes da universidade, ANPAs e organizacións que traballan no eido educativo
Apostamos pola protección da infancia como enfoque transversal: camiños escolares seguros, alimentación saudable nos comedores, reforzo das escolas infantís e atención á saúde mental
Xan Xove: “Unha cidade pensada para as nenas e os nenos remata por ser unha cidade máis habitable para todo o mundo”
Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía nas eleccións do vindeiro 28 de maio, propón reforzar as políticas educativas do Concello e “facer da Coruña unha Cidade para a Infancia, é dicir, unha cidade máis amable e habitable para toda a veciñanza”. Por iso fixo unha proposta transversal que inclúe a mellora e ampliación da rede de escolas infantís municipais, a creación de camiños escolares seguros, alimentación saudable nos comedores escolares e atención á saúde mental na infancia e a mocidade, entre outras cuestións.
Xove participou esta semana nun encontro sectorial con entidades relacionadas con ensino, representantes da universidade e de ANPAs de colexios públicos da Coruña, que trasladaron as súas demandas e preocupacións, e ás que lles fixo chegar esta proposta Cidade para a Infancia, que resultou moi ben recibida. Estivo acompañado por dúas das máis recentes incorporacións á lista da Marea Atlántica, Mariló Candedo e Araceli Serantes, e pola concelleira Silvia Cameán, responsable de Educación no goberno de Xulio Ferreiro.
Unificar a rede de escolas infantís públicas
Así, o primeiro compromiso do candidato é reverter os recortes que Inés Rey fixo na rede de escolas infantís municipais, que remata o mandato cun centro menos e 95 prazas menos que cando comezou. “Temos que facer un esforzo por integrar os centros da Xunta na rede municipal, para unificar o servizo e simplificar os trámites. E temos que construír novos centros para chegar a toda a cidade, comezando por Xuxán, o barrio máis novo da Coruña, onde debe poñerse en marcha un equipamento que combine escola infantil e centro de día. Foi pactado nos Orzamentos 2022, pero o PSOE non foi quen cumprir”.
Silvia Cameán sinalou que “Inés Rey chegou á Alcaldía prometendo dúas novas escolas infantís municipais no Castrillón e en Monte Alto, e pactou outras dúas coa Marea Atlántica, en Xuxán e Vioño. Catro anos despois o que fixo foi perder a Carmen Cervigón en Labañou, que pasou a ser privada, co que se reduciron un 11,5% as prazas dispoñibles na rede pública”. E explicou que a valoración das políticas educativas do concello foi “moi mala” no encontro sectorial.
Perda de usuarias nos programas educativos do Concello
Todas as persoas asistentes sinalaron a necesidade de ampliar e mellorar o programa de actividades educativas complementarias do Concello da Coruña, que reduciu moito a súa calidade nos últimos anos. Segundo os datos das Memorias da Concellería de Educación, o número de persoas usuarias dos programas educativos municipais pasou de 40.072 en 2019 a 9.580 en 2021, un 76% menos en dous anos. “Temos que corrixir este deterioro, temos que incluír novas actividades e horarios, e ofrecer alternativas para menores con necesidades especiais e diversidade”, explicou Xan Xove.
Nesta liña, o candidato apostou pola creación dunha rede de camiños escolares seguros, que mellorarán a contorna e pacificarán o tráfico para o conxunto da veciñanza. Ademais, propuxo un plan de Escolas Verdes, para humanizar os centros educativos da cidade, mellorando os patios e as instalacións tamén dos colexios de educación infantil e primaria (cuxo mantemento é responsabilidade do Concello) e apostando pola alimentación saudable e con produtos de proximidade nos comedores escolares.
Plan de Saúde Mental na Adolescencia
Unha Cidade para a Infancia ten que centrarse tamén na saúde mental dos menores, tamén desde o Concello da Coruña. Por iso, Xan Xove lembrou a súa proposta de crear un servizo de saúde mental para adolescentes e mocidade, ampliando o Plan de Saúde Mental que xa se está a poñer en marcha grazas á iniciativa da Marea Atlántica na negociación dos Orzamentos 2022.
Lembremos que un recente informe de UNICEF sinala que o 55% da poboación europea entre 10 e 19 padece ansiedade ou depresión. E que un 25% da mocidade española entre 15 e 29 años toma psicofármacos, segundo outros estudos. Quedar de brazos cruzados non é unha opción.