Saltar ao contido

A creación dun operador enerxético municipal na Coruña é un dos puntos do noso acordo inicial do PSOE. Para coñecer as súas posibilidades, falamos con Lluis Basteiro, un dos impulsores da empresa Barcelona Enerxía 

Lluis Basteiro, un dos máximos responsables da posta en marcha do operador eléctrico público Barcelona Energía, estivo na Coruña este 12 de novembro para compartir a súa experiencia e analizar os beneficios de ter unha empresa municipal de enerxía. Basteiro, quen ata setembro foi xefe de gabinete da Concellaría de Presidencia, Auga e Enerxía de Barcelona, detallou os beneficios da xestión pública dun ben de primeira necesidade, como a enerxía, garantindo prezos máis xustos, fomento das renovables e que non se lle corte a luz ás persoas sen recursos, entre outras cuestións.

A nosa aposta é comezar, este mesmo ano, a creación dun operador eléctrico municipal no seo da empresa pública Emalcsa, que xa ten a enerxía nos seus fins sociais. A posta en marcha de Coruña Enerxía forma parte dos acordos que asinamos co PSOE para o inicio do mandato, e sería unha iniciativa pioneira en Galicia, un servizo público que lle plantaría cara ao oligopolio das grandes empresas eléctricas xestionando a enerxía dende a óptica do interese xeral: a xustiza social e a emerxencia climática.

A lexislación española non é amable con este tipo de iniciativas, pero deixa marxe para desenvolvelas. Un operador enerxético municipal abastecerá primeiro aos edificios e instalacións do Concello, “dun xeito directo e con mellor servizo que  un contrato privado”, en palabras de Basteiro. E despois, pode servir a un máximo de clientes particulares, que no caso de Barcelona Enerxía está limitado a 20.000 fogares.

Transición enerxética

Desde o centro cívico da Cidade Vella, e ante as persoas que asistiron a esta conversa aberta, Lluis Basteiro asegurou que “Barcelona Energía abriunos un camiño para impulsar a transición enerxética sen quer te someternos á tiranía dos beneficios, apostando polas enerxías renovables e aconsellando a cada cliente a potencia que precisa para o seu fogar, en lugar de aumentarlla para inchar a factura”. A empresa barcelonesa comercializa só enerxía 100% renovable e fomenta a produción e o autoconsumo enerxético, con instalación de placas solares e outros xeradores renovables en edificios públicos e privados.

Unha empresa pública de electricidade tamén axudaría a combater a pobreza enerxética e garantir que ningunha familia con problemas económicos quede sen luz na casa. O goberno da Marea Atlántica xa traballou neste sentido no anterior mandato, asinando convenios coas principais empresas eléctricas, e garantiu que Emalcsa non lle corte a auga a ninguén cando é a pobreza a que lle impide pagar a factura. Crear Coruña Enerxía sería un paso máis para garantirlle a toda a veciñanza os mínimos recursos para unha vida digna.

Vontade Metropolitana

En Barcelona, cando se levou a Pleno a proposta do operador enerxético, nin un só dos partidos con presenza no Consistorio votou en contra. Oxalá puideramos agardar un compromiso semellante na Coruña. En todo caso, a experiencia barcelonesa ten maiores dimensións, xa non polo tamaño da cidade, senón porque se integra na Área Metropolitana que alí existe desde 1968, é que na Coruña aínda acabamos de comezar a construír, tamén grazas á iniciativa da Marea Atlántica.

Está previsto, segundo o pacto á coruñesa entre a Marea Atlántica e o PSOE que antes de que remate o ano o Consello de Administración de Emalcsa dará o primeiro paso para crear un operador enerxético público. A gran beneficiada será a veciñanza.

 

Coruña Enerxía: electricidade pública, sostible e social