Leonardo Anselmi, María García e Rubén Pérez participaron nun faladoiro sobre as actuacións neste eido que se están aplicar nos concellos do cambio
Anselmi: “A Coruña é un dos municipios que máis ten avanzado na defensa dos dereitos dos animais. É un exemplo”
O trato que lle damos aos animais di moito da nosa sociedade. Por iso as políticas de benestar animal son un dos eixos do traballo da Marea Atlántica dentro e fóra do goberno municipal. Un compromiso que se detallou na charla celebrada o 9 de abril, coa presenza de Rubén Pérez, coordinador en Galicia da Asociación Animalista Libera; Leonardo Anselmi, representante da Plataforma PROU, que impulsou a abolición das touradas en Cataluña, e María García, concelleira de Medio Ambiente da Coruña.
Anselmi, que colabora co Concello de Barcelona, detallou iniciativas que se están a levar a cabo nesta cidade, como a esterilización de pombas a través dun alimento especial. Deste xeito, contrólase a súa poboación sen empregar o sacrificio: “No caso de pombas, gatos e outras especies, levan décadas matándose animais sen ningún tipo de éxito. Non é efectivo, só é cruel”. Tamén se referiu ao proxecto Zoo XXI, que procura adaptar os parques zoolóxicos á ciencia e a ética do noso tempo, “rexeitando os valores do colonialismo que aínda perviven nestes lugares”.
O exemplo da Coruña
O activista afirmou que “A Coruña é un dos concellos que máis rápido teñen avanzado na defensa dos dereitos dos animais. A chegada de Marea Atlántica marcou a diferenza. É un exemplo”. E insitiu na necesidade de que “as políticas de goberno en políticas públicas, que sexan asumidas polo conxunto da cidadanía.
Pola súa banda, María García lembrou que antes de cumprir un mes en María Pita, o goberno municipal da Coruña actuou para cancelar o contrato de celebración das touradas. Foi unha medida que supuxo á fin do apoio do Concello ao maltrato animal, e que ademais aforrou cartos públicos, xa que o custo da rescisión foi menor que o investimento que se destinaba a acondicionar o Coliseum. “Deste entón, traballamos a diario para limitar o uso de animais en espectáculos”.
O compromiso da Coruña cos dereitos dos animais tamén se pode ver en iniciativas como Acolle, para fomentar a adopción de mascotas; o impulso da Patrulla Verde, que fai da loita contra o maltrato animal unha das prioridades da Policía Local, ou o plan para o control das colonias felinas dun xeito ético e efectivo.
Cooperación institucional
Rubén Pérez afondou na necesidade aproveitar todos os recursos dispoñibles para trasladar os valores do animalismo ao conxunto da sociedade. Desde as campañas de rúa e a comunicación en redes sociais ata a colaboración con representantes políticos que compartan esta sensibilidade, como se fai habitualmente no Concello e na Deputación da Coruña.