Saltar ao contido
Planta de Nostián

María García: “Instamos ao goberno municipal a defender o intere xeral e garantir o servizo e o emprego na planta de tratamento de residuos

Non pode consentirse que unha empresa que cobrou irregularmente 2 millóns de euros ao ano desde 2011 incumpra as súas obrigas nun servizo básico como o tratamento do lixo

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, insta ao goberno local a non ceder ante a chantaxe de Albada e garantir o servizo e o emprego na planta de tratamento de Nostián. Ante as informacións publicadas na prensa, nas que a empresa ameaza con deixar de prestar servizo ao Consorcio das Mariñas e despedir ao 40% do cadro de persoal cun ERE temporal, García pediulle ao PSOE “que non caia na pasividade e aproveite o traballo feito para comezar a licitación do novo contrato de Nostián, que podía estar en marcha desde o mes de xullo, para o que ofrecemos de novo a nosa axuda”. “Se é necesario, e en defensa do interese xeral, pode sacar un contrato de emerxencia para garantir o funcionamento da planta e o emprego, pero non pode tolerarse que unha empresa chantaxee ao Concello”, engadiu García.

“Estamos a falar dunha empresa que, desde 2011, estivo cobrando uns 2  millóns de euros anuais irregularmente, dun xeito que lesionaba os intereses municipais, como confirmou en outubro unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Cobraba un extra inmerecido por facerse cargo dos residuos que non se podían reciclar, cando é unha das súas obrigas por contrato”, explica a nosa voceira.

María García lembrou que “a planta de Nostián non é unha concesión calquera, senón que afecta a un servizo básico como é o tratamento do lixo urbano, polo que Albada non pode renunciar nin marcar condicións unilateralmente. Así llo fixemos saber á empresa durante o anterior mandato, como vixilamos , do mesmo xeito que denunciamos ante a Xunta que tiña que facerse cargo de selar o vertedoiro colmatado,  polo que o goberno autonómico lle abriu un proceso sancionador. O Concello ten recursos para defender o interese público, e instamos ao goberno municipal a empregalos, como xa fixemos ao trasladarlles toda a información no traspaso de poderes”.

 

Albada tenta extorsionar ao Concello

A relación da empresa Albada co Concello da Coruña hai tempo que se basea na extorsión e as presións. En canto non se lle permite saírse coa súa, recorre ás ameazas de despidos e EREs, empregando ao cadro de persoal como refén. Tamén tentou por todos os medios desentenderse da xestión do lixo rexeitado na planta, a pesar de que é a súa obriga segundo recoñecen xa varias sentenzas xudiciais. Opúxose a que Arteixo seguise levando os seus residuos a Nostián tras a súa saída do Consorcio das Mariñas.  Esta empresa demostra constantemente que o seu único interese é facer caixa sen cumprir coas súas responsabilidades, con facturas irregulares e se é preciso. Non podemos consentirllo.

A actitude de Albalda quedou ben clara este verán. A empresa acumulou irregularmente residuos na planta, poñéndoa en risco. Ante a habitual inacción da Xunta, recomendámoslle ao goberno municipal sancionar e presionar á empresa para que cumprise coas súas obrigas, e só cando comezou a facelo resolveuse o problema. De novo, neste caso, insistimos na importancia de non ceder á chantaxe, polo ben do emprego e do interese xeral do Concello.

“Se Albada recoñece que non vai cumprir as súas obrigas, o mellor que pode facer o goberno municipal é prescindir dela e sacar un contrato de emerxencia para manter o emprego e o funcionamento da planta, mentres non remata a licitación do contrato definitivo”, sentenciou María García.

Nin un paso atrás coas chantaxes de Albada en Nostián