Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Dende a Marea Atlántica fixemos un chamamento á cidadanía para unirse nun proceso de construción horizontal coa vista posta nas vindeiras eleccións municipais. Este chamamento quere abranguer tamén todas as organizacións políticas e sociais que desenvolven a súa actividade na cidade da Coruña. Somos conscientes de que moitas de nós levamos tempo loitando polos obxectivos que defendemos no manifesto dende diversas perspectivas e xeitos de entender a acción colectiva.

A Marea Atlántica non pretende substituír nin suplantar ningunha das organizacións que traballan na Coruña, senón ser un espazo de agregación e confluencia, onde se poidan aproveitar e darlle vías de participación a todas as ideas e proxectos que compartan os principios de participación e democracia, rematando dunha vez coas políticas ditadas polas elites económicas e poñendo as institucións municipais ao servizo dos veciños e as veciñas da Coruña. Neste obxectivo é prioritario contar con todas as voces e todas as vontades posíbeis. Entre elas, as das organizacións políticas e sociais cun traballo contrastado en defensa dos principios que compartimos. Por iso facemos un chamamento público a todas elas para que se unan á marea democrática que vén.

Por que unirse á Marea Atlántica?

A Marea Atlántica pretende ir máis alá dun simple agregado de siglas ou organizacións. Cremos que a marea pode ser o vehículo perfecto para poñer en común todas as ideas e proxectos colectivos que percorren a cidade, para que sexan enriquecidas polo contacto coa cidadanía, para poñelas ao servizo de todas e impulsalas de xeito que cheguen a ser determinantes no goberno municipal.

Que ofrece a marea?

A marea aspira a a converterse no espazo de confluencia de todas e todos. Pensamos que as organizacións políticas e sociais poden atopar nela o lugar onde dar a coñecer os seus proxectos, onde enriquecelos coas achegas dos veciños e veciñas da cidade, e onde utilizar todo o traballo realizado para construír colectivamente un programa de goberno radicalmente democrático e que defenda os intereses do 99%. A Marea pretende configurarse como un lugar onde cidadás e organizacións políticas e sociais teñan un espazo para poñer en común as súas ideas e proxectos sobre a cidade, de xeito que, entre todas, poidamos levar ese programa a María Pita.

Que pide a marea?

Xenerosidade. Xenerosidade para poñer a disposición de todas o traballo realizado. Xenerosidade para aceptar a mutación e construción colectiva a partir do xa feito, para poder asumir entre todas ese traballo, facelo propio e multiplicar a súa potencia. Xenerosidade para aceptar a diversidade baixo os mínimos comúns fixados no manifesto e que todas compartimos. Xenerosidade para entender a diferenza como un elemento enriquecedor. Xenerosidade para, en fin, incorporarse dende abaixo á marea.

Apoio. A marea quere pedir a todas as organizacións que se sintan identificadas co proxecto un apoio público e explícito ao mesmo, na medida das súas posibilidades, así como a participación de todos os seus membros, en igualdade de condicións co resto dos veciños e veciñas da Coruña.

Como o facemos?

A comunicación entre as organizacións políticas e sociais e a marea debe ser fluída, flexíbel, transparente e multidireccional. Dende xa o Grupo de Traballo de Apertura ponse á vosa disposición para explicar o proxecto, aclarar posíbeis dúbidas e establecer vías de construción conxunta. Queremos abrir os nosos grupos de traballo e as mareas sectoriais e barriais ás diferentes militancias e activismos, procurando un equilibrio entre o carácter esencialmente cidadán da marea e a necesaria participación dos veciños e as veciñas xa organizados. E queremos facelo con total transparencia. Os achegamentos, reunións, e acordos deben ser públicos e sen outros condicionantes previos que os derivados da propia natureza do proceso.

Os principios básicos que entendemos deben rexer este proceso son os seguintes:

– Cooperación. A marea non desenvolverá ningunha iniciativa nin ferramenta que xa fose activada por outros axentes colectivos no mesmo contexto, senón que cooperará con eles.

– Confluencia. A marea non pretende xerar unha nova organización política para competir con outras, senón abrir un espazo de confluencia entre as que xa existen e a cidadanía.

– Creatividade. Malia ao anterior, a marea non pode ser tampouco unha simple suma do que hai, e debe dotarse dun método que multiplique e vaia máis alá do existente.

– Inclusión. As iniciativas e ferramentas da marea serán asequíbeis ao conxunto da cidadanía, e non unicamente a aquela xa organizada politicamente.

– Adhesión individual. As persoas, pertenzan ou non a unha organización política, e fóra do que nelas representen, diluiranse na marea de xeito individual e dende abaixo.

– Autonomía. A cidadanía é o suxeito político do proceso da Marea Atlántica, non unicamente o seu aval. As ferramentas e métodos de traballo serán coherentes con este principio.

O obxectivo da marea non é outro que conquistar o Concello e deste xeito poñer unha pequena pedra máis no obxectivo de recuperar o control sobre as nosas vidas, de deixar de ser monicreques en mans doutros ou simples variábeis económicas ou financeiras para o enriquecemento dunha minoría. Para recuperar, en fin, a nosa dignidade como persoas e a nosa dignidade como pobo. Neste obxectivo non sobra ninguén. Todas somos necesarias. Só así poderemos vencer os atrancos e as barreiras que seguramente se porán no noso camiño. Só así lograremos que a maioría social tome María Pita.

Chamamento ás organizacións políticas e sociais