Saltar ao contido
Sede do Tribunal Supremo

O fallo do TS, coñecido hoxe, dálle a razón ao recurso de reposición que presentamos o 2 de outubro, e prohibe que quen abandone o grupo co que se presentou ás eleccións ocupe novos cargos e aumente o seu soldo

María García: “Á vista da xurisprudencia, Inés Rey debe cesar mañá mesmo á concelleira tránsfuga”

O grupo municipal da Marea Atlántica reclámalle a Inés Rey que cese de forma inmediata á tránsfuga Mónica Martínez, a quen nomeou responsable de Deportes do seu goberno, tras coñecerse hoxe unha sentenza do Tribunal Supremo que prohibe que as representantes públicas que abandonen o grupo co que se presentaron ás eleccións ocupen cargos ou vexan aumentado o seu salario durante o mandato.

“Tal e como denunciou a Marea Atlántica, en solitario, o Tribunal Supremo confirma que o nomeamento de Mónica Martínez é ilegal. Inés Rey ten que cesala mañá mesmo, á vista da xurisprudencia”, sinalou a nosa voceira, María García. E engadiu que “os intentos do goberno do PSOE de disfrazar como ataques persoais a denuncia dun caso de transfuguismo quedan en evidencia con esta decisión xudicial”.

A sentenza do TS veta a presenza de tránsfugas nos gobernos municipais

A sentenza, referida a un caso no Concello de Font de la Figuera (Valencia), sinala claramente que a condición de non adscrita dunha concelleira “impide que se asuman cargos ou que perciban retribucións que antes non exercían ou percibían e supoñan melloras persoais, políticas ou económicas”. Iso exclúe, de xeito claro, pasar a formar parte dun goberno.

Mañá mesmo, o grupo municipal da Marea Atlántica rexistrará unha solicitude para a aplicación inmediata desta sentenza no Concello da Coruña. Como xa sinalamos en varias ocasións, a entrada de Mónica Martínez non só supuxo un xiro á dereita do goberno municipal e o afastamento da maioría progresista do pleno. Tamén foi ilegal. A crise de goberno de Inés Rey non resolveu un só problema e causou varios novos. Debe corrixirse canto antes.

Cese inmediato de Mónica Martínez: o Tribunal Supremo confirma que o seu nomeamento é ilegal