Saltar ao contido

Solicitamos que o fallo do TS se incorpore ao expediente do recurso de reposición que presentamos a comezos de outubro. O tribunal é moi claro: as tránsfugas non poden estar nun goberno

María García: “O goberno de Inés Rey tentou disfrazar de ataques persoais as nosas denuncias contra un nomeamento ilegal. Esiximos unha rectificación”

O grupo municipal da Marea Atlántica vén de rexistrar un escrito dirixido á Alcaldía do Concello da Coruña, non que lle solicitamos a Inés Rey o cese inmediato de Mónica Martínez, en aplicación da sentenza do Tribunal Supremo coñecida onte. O fallo do TS é moi claro, as concelleiras tránsfugas non poden formar parte de gobernos nin ter subas de salario. “No caso de Mónica Martínez, Inés Rey incumpriu ambos puntos, nun nomeamento netamente ilegal”, afirma a nosa voceira, María García. 

No escrito presentado hoxe solicitamos que a sentenza do Supremo se incorpore ao expediente correspondente ao recurso de reposición que rexistramos o día 1 de outubro, aínda sen resposta por parte do goberno municipal, e “que se inicien de inmediato as actuacións precisas para poñer fin á situación manifestamente ilegal da concelleira Mónica Martínez Lema e ás que se fai referencia en dito recurso”.

En palabras de María García, “a sentenza pon nunha situación moi difícil ao goberno de Inés Rey, que tentou disfrazar de ataques persoais o que eran críticas a unha situación absolutamente irregular. Só cabe volver á normalidade cesando á concelleira Mónica Martínez canto antes”. 

Tal e como sinala o escrito, a interpretación do Tribunal Supremo sobre a Lei de Bases de Réxime Local é moi clara e non deixa lugar a dúbidas: “O pase á condición de concelleiro non adscrito como consecuencia dun suposto de transfuguismo impide que se asuman cargos ou que perciban retribucións que antes non exercía ou percibía e que impliquen melloras persoais, políticas ou económicas”. 

A sentenza é clara, tamén, ao sinalar que a definición de “tránsfuga” se lle aplica a toda persoa que manteña a acta tras abandonar o partido co que se presentou ás eleccións, non só a aquelas que participan en mocións de censura ou cambios de goberno. Por iso, o nomeamento de Mónica Martínez como concelleira de Deportes é ilegal e debe ser revogado. 

Se non cesa á concelleira tránsfuga, Inés Rey será responsable dunha ilegalidade