Saltar ao contido

O contrato caduca en 2021, abrindo a posibilidade de mellorar as instalacións e asumir a xestión pública directa do centro, nun proceso que debe comezar a deseñarse canto antes

A Marea Atlántica sumarase á campaña da Asociación Animalista Libera para lograr a municipalización do Centro de Acollida Animal da Coruña, actualmente xestionado mediante unha concesión cunha empresa privada. Así se acordou nunha xuntanza que mantiveron a voceira e o vicevoceiro municipais da Marea Atlántica, María García e Iago Martínez, con Rubén Pérez, coordinador en Galicia de Libera, para falar das vías de traballo conxunto no eido do benestar animal.

O contrato do Centro Municipal de Acollida caduca en 2021, data na que sería posible re-municipalizalo e repensar todo o seu modelo, tal e como figuraba no noso programa electoral. “Recuperar a xestión pública directa será complexo, pero non imposible, polo que é o momento de ir estudando o procedemento”, explica María García.

Este centro precisa unha mellora e ampliación das súas instalacións, incluíndo máis áreas abertas e un refuxio para gatos. Tamén ten potencial para ser un espazo que irradie políticas de benestar animal: campañas de adopción e sensibilización contra o maltrato, de tenza responsable e coidados. Pode ser moito máis que unha mera canceira, e pode abrirlle ás portas aos colectivos cidadáns, cunha xestión transparente e participativa.

Máis avances en benestar animal

A sociedade é hoxe máis sensible ao benestar de todos os seres vivos, como amosa a grande cantidade de asociacións e colectivos que se auto-organizan para traballar por unha mellor convivencia cos animais. E as políticas públicas teñen que estar á altura, con sacrificio cero, coidados éticos e fomento da tenza responsable de animais de familia.

O goberno municipal da Marea Atlántica tivo estas necesidades moi presentes nos últimos catro anos, nos que xa introduciu varias melloras no Centro de Acollida, dentro das posibilidades do contrato vixente. Así, abriuse a posibilidade de adopcións temporais e lanzouse a campaña #Acolle para fomentar a adopción. Tamén se puxeron en marcha as colonias felinas de xestión ética, creáronse tres áreas caninas e, por suposto, rematouse co apoio ás touradas e ao uso de animas en espectáculos públicos.

Desde 2015, o Concello ten recibido varios galardóns que acreditan o compromiso do anterior goberno local coas políticas de benestar animal, como o Premio Internacional de Políticas de Protección Animal da Fundación Franz Weber ou o galardón recibido no V Seminario Sobre Xestión Policial da Diversidade polo labor en materia de protección animal. Agardamos que este traballo non se perda.

Apostamos pola municipalización do Centro de Acollida Animal