Saltar ao contido

Os alcorques desta praza foron tapados nos últimos días co que semella unha mestura de cemento e grava (zahorra), o que motivou varias denuncias veciñais

María García: “Trátase dunha práctica agresiva, que dificulta o crecemento das árbores, e evidencia un retroceso na naturalización da cidade”

A Marea Atlántica vén de rexistrar unha serie de preguntas escritas para pedirlle explicacións ao goberno local sobre o uso dunha mestura de cemento e grava (zahorra) para tapar os alcorques do Campo da Leña, facéndose eco de diversas denuncias trasladadas pola veciñanza. Trátase dunha práctica agresiva e completamente inapropiada para a saúde das árbores, polo que preguntaremos polos motivos para empregalos. 

ACTUALIZACIÓN: Tras rexistrar estas preguntas, o goberno continuou cementando os alcorques xunto a Grande Obra, persistindo un erro que pode poñer en risco a conservación das árbores. Levaremos o tema ao Pleno a través dun rogo oral, pedíndolle ao goberno que substitúa o recheo por outro máis respectuoso coa vexetación.

“Rodear as árbores de cemento é unha práctica moi desaconsellable para a súa conservación, e vai en sentido contrario ás naturalización das cidades que está a recomendar a Unión Europea e que están a afrontar concellos en todo o mundo”, sinala a nosa voceira, María García.

Que sistemas de rego se instalaron? 

Por iso, preguntámoslle ao goberno local polos motivos que xustifican cementar os alcorques do Campo da Leña: Realizouse algún informe técnico para avaliar o impacto desta práctica sobre as árbores? Vaise empregar ou empregouse nalgún outro punto da cidade? Instaláronse sistemas para subministrar auga e nutrientes ás raíces? 

Finalmente, demandamos coñecer se o tratamento dispensado a estas árbores ten que ver con dar facilidades para a expansión das terrazas en detrimento do arborado urbano, cada día mais necesario para facer fronte á emerxencia climática, preservar a calidade de vida nos barrios e acondicionar o espazo público diante do incremento das temperaturas. 

Por que se están a cementar as raíces das árbores do Campo da Leña?