A Área Metropolitana, as melloras nos colexios públicos, e as políticas sociais son, parece, as grandes ausentes no pacto entre a alcaldesa e o presidente da Xunta
Resulta preocupante que a “sintonía” con Feijóo sobre o futuro dos terreos portuarios, tendo en conta que a última acción da Xunta foi un intento de abrirlle á porta á especulación deixando fóra ao Concello
O grupo municipal da Marea Atlántica valora con cautela os resultados da primeira reunión entre a alcaldesa Inés Rey e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrada onte. Unha cousa é o triunfalismo dos anuncios propagandísticos e as fotos de inicio de mandato e outra son os resultados reais. E o nulo compromiso de Feijóo coa cidade da Coruña, que leva anos acumulando promesas incumpridas, non invita ao optimismo.
Na lista de acordos difundida a través dos medios de comunicación atópanse, ademais, chamativas ausencias. Non podemos saber o que se fala a porta pechada, pero de cara á cidadanía, e a falta de que a alcaldesa dea traslado do contido da conversa á Corporación, nada se dixo das obras pendentes nos colexios públicos da Coruña, pese a que algúns levan décadas agardando polos seus patios cubertos.
Hai doce anos, en novembro do 2006, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Concello da Coruña asinaron un convenio para a construción de patios cubertos en centros de educación infantil e primaria. Unhas obras necesarias para ter un espazo de recreo nos días, moi frecuentes, de choiva. Mentres o Concello da Coruña cumpriu todos os seus compromisos no pasado mandato, a consellería acumula atrasos nos CEIP Labaca, Ramón de la Sagra, Curros Enríquez, Manuel Murguía e Zalaeta.
En xeral, nada se mencionou de políticas sociais: nin da eliminación do copagamento na axuda a domicilio, nin da imprescindible reforma da RISGA —reclamada por numerosos colectivos sociais—. Nin da delegación das competencias sobre todas as escolas infantís públicas da Coruña, para que o Concello poida xestionar unha única rede de centros educativos de 0 a 3 anos, que debera ser gratuíta a partir do curso 2020-2021 en virtude do acordo asinado o pasado 5 de xullo pola Marea Atlántica e o PSOE.
O silencio acompañou tamén á constitución da Área Metropolitana da Coruña, cuxo primeiro paso ten que darse no pleno municipal de outubro, pero que precisará tamén do apoio da Xunta para saír adiante. Ou, cando menos, esixirá que nin o PP nin o Executivo galego a bloqueen.
Porén, celebramos que tanto o goberno municipal como a Xunta asuman o modelo que o goberno da Marea Atlántica deseñou para a terminal de autobuses da Estación Intermodal, un proxecto que a integra na cidade e traerá melloras para a mobilidade nos Mallos e na Sardiñeira. Mágoa que non o fixese antes, en lugar de perder anos de obstinado bloqueo a mans da conselleira Ethel Vázquez.
Vixilancia sobre o futuro do bordo litoral
Resulta moi preocupante que á hora de falar do futuro dos peiraos interiores da Coruña, a alcaldesa amose a súa “sintonía” co presidente da Xunta. Cómpre lembrar que a actuación da Xunta de Galicia no caso dos terreos portuarios da Coruña foi, polo de agora, contraria ao interese xeral. En 2017, Feijóo tentou selar un pacto a porta pechada que blindaba a especulación inmobiliaria en San Diego e deixaba fóra ao Concello da Coruña. Toda “sintonía” con esta forma de facer atoparanos en fronte.
O futuro do bordo litoral é unha cuestión central no desenvolvemento urbano da cidade da Coruña. Como é central no pacto da Marea Atlántica co PSOE da Coruña para o inicio do mandato, nunha liña ben distinta da que seguiu ata o de agora Feijóo, baseada en recuperar a fachada marítima para a cidade, con titularidade pública do solo e iniciativa pública na súa transformación, condonación da débeda da Autoridade Portuaria e conservando usos produtivos limpos e innovadores, espazos abertos e equipamentos públicos. Manteremos unha firme vixilancia para que o goberno municipal non se desvíe deste acordo.
Ría do Burgo, unha broma pesada
Finalmente, resulta chocante escoitar a representantes do PP e o PSOE facer promesas sobre o saneamento da Ría do Burgo. O problema da contaminación da ría coñécese desde os anos oitenta, e fálase de plans de saneamento desde comezos dos 2000. Nese tempo, os dous partidos alternáronse nos gobernos da Xunta e o Estado e tiveron decenas de orzamentos ao seu dispor para demostrar con cartos o seu compromiso co coidado ambiental. Nunca o fixeron, e deberían empezar canto antes a exercer a súa responsabilidade ecolóxica.