Unha conversa aberta entre Catarina Martins, voceira do Bloco de Esquerda de Portugal, a activista ecofeminista Yayo Herrero e Xulio Ferreiro pechou o proceso de renovación interna da Marea Atlántica
A Marea Viva 2017-2018 tivo un peche fermoso para semanas de debate, negociación e procura de consenso. Neste 26 de xaneiro, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, a activista ecofeminista Yayo Herrero e a voceira do Bloco de Esquerda portugués, Catarina Martíns,mantiveron unha conversa aberta ante máis de 250 persoas no auditorio da Escola de Náutica, e sementaron ideas e preguntas sobre a feminización da política, os méritos e os límites do traballo nas institucións, e a relación dos gobernos cos movementos sociais e a cidadanía. [Galería de imaxes]
Desde alí Xulio Ferreiro lembrou que “en 2015 deseñamos un espazo común para xente diversa. Para os compañeiros e as compañeiras de Anova, de Podemos, de Equo, de Esquerda Unida —todos eles representados no auditorio de Náutica—, pero tamén para un mundo de xente que non tiña carné nin o quería. E conseguímolo”. Desde entón, a veciñanza “confiou e nós e fíxonos unha encomenda para catro anos”. Agora, engadiu o alcalde, “chega o momento de dobrar a aposta en 2019. Eu quero que lle botemos outro piso á casa común e lle metamos literas nos cuartos para que entre aínda máis xente diversa. E que a xente confíe aínda máis en nós e nos dea outros catro anos para ir máis alá. Eu voume dedicar a iso, sen deixar a ninguén atrás. Tendes a miña palabra”.
Do xesto da paridade ao refuxio dos espazos de coidados
Unha parte importante da conversa centrouse na necesidade de feminizar a participación política para feminizar a sociedade, un feito que pasa polo reparto igualitario de postos e responsabilidades. Pero que non pode rematar aí.
Como sinalou Yayo Herrero, a feminización é tamén un xeito de comportarse, fuxindo da violencia e o conflito gratuíto: “Hai que crear espazos de participación política onde nos guste estar. Onde nos sintamos ben, coidadas. Espazos de confianza. Só así lograremos levar a participación ás persoas invisibilizadas na política tradicional”.
Pola súa banda, Catarina Martíns defendeu as listas paritarias como unha “ferramenta necesaria”, pero chamou a levar “moito máis alá o compromiso co feminismo, que debe ser transversal nas nosas organizacións”. E lembrou que o Bloco de Esquerda ten unhas fondas raíces no movemento feminista.
O papel dos movementos sociais e os límites da institución
A relación dos gobernos e institucións coa sociedade activa foi tamén un eixo central nesta conversa, na que Catarina Martíns lembrou que “o poder político non é suficiente para mudar as cousas, porque existen monopolios estratéxicos como o financeiro que se lle opoñen. Pero chegar as institucións é ter un instrumento para disputar o poder”. A voceira do Bloco de Esquerda considera imprescindible a alianza cos movementos sociais para “darlle capacidade transformadora a quen está no goberno. Todas nós temos que correr por fóra, pero tamén correr por dentro”.
Na mesma liña indiciu Yayo Herrero: “Chegar a gobernar non é abondo, non significa ter o poder. Hai que xerar un contrapoder no fóra para frear á apisonadora neoliberal”. E sinalou o necesario entendemento entre a rúa e os pazos de goberno, pois “quen está na institución non pode deixar de ser vulnerable e de escoitar á xente. E quen estamos fora, temos que coidar a quen está dentro, desde desde o afecto, o respecto e a empatía. Ten que haber un proceso de aprendizaxe mutua”. Tamén animou a “non confundir o público co gobernamental”, pois “a autoxestión é perfectamente compatible co público. Temos que descentralizar e revitalizar os barrios con iniciativas autónomas”.
Xulio Ferreiro: “Cando nos queren impoñer a derrota e a tristeza, desobedecer é unha obriga”
Na súa intervención final, Xulio Ferreiro defendeu que o traballo realizado nestes anos polos gobernos do cambio mudou “institucións indiferentes en institucións próximas. Alí onde prendeu a marea do municipalismo, os concellos convertéronse en institucións de primeira necesidade e última esperanza, na primeira liña de defensa da vida”.
“Somos as mesmas que hai catro anos demos un paso adiante para volvernos protagonistas da nosa propia historia. E iso nin cambiou nin vai cambiar mentres esteamos xuntas”, sinalou o alcalde, para engadir que “as nosas decisións tomámolas nós, coas nosas propias mans. Acertaremos ou nos equivocaremos, pero ninguén vai escoller por nós”.
“Cando nos queren impoñer a derrota e a tristeza, desobedecer é unha obriga. Eu, con vós, escollo esperanza”, finalizou Xulio Ferreiro.
Votación dos documentos da Marea Viva
Ata mañá, sábado 27 de xaneiro, as persoas asinantes do Manifesto da Marea Atlántica poderán votar os novos documentos de Código Ético, Forma de Goberno, Programa Participativo, Primarias e Estrutura, que pasarán a definir as bases do funcionamento da organización. Poden consultarse publicamente desde o día 18 de xaneiro.
O proceso da Marea Viva comezou o 15 de decembro e, logo de mes e medio de debates, intercambios e traballo de consenso, cristalizou nos documentos que agora se someten a aprobación, e que nacen dun esforzo de mellora e entendemento entre todas as sensibilidades que conviven na plataforma cidadá.
A Marea Atlántica é unha organización viva e en movemento. As súas normas internas e procedementos non están escritas en pedra, senón en permanente fase de revisión e mellora, un proceso que cristaliza nesta Marea Viva. O que non mudan son os principios e os obxectivos, coa ética como guía para poñer as institucións ao servizo da maioría social.