Saltar ao contido
Vista aérea da manifestación da Diada 2017 en Barcelona. Foto: Assemblea Nacional Catalana

O que ocorre en Catalunya é unha cuestión política, e require unha solución política. Non se vai atopar a saída empregando o aparello xudicial como unha extensión do poder executivo.

A Marea Atlántica nace no 2014, nun momento de acentuación da crise de réxime, tras uns anos de intensa contestación social perante os recortes en servizos e liberdades públicas. Recollemos moitas das leccións que nos proporcionaron estas loitas. O Nunca Máis, o 15M, a PAH, as mareas cidadás en defensa da sanidade e do ensino público ou as Marchas da Dignidade foron algúns de tantos movementos imprescindibles para entendernos. Nacemos coa vontade de mudalo todo, baixo a profunda convicción de que os pobos son os que máis ordenan e a máxima de gobernar obedecendo. Apostamos polo empoderamento cidadá, a participación e a coprodución de políticas públicas, tentando recuperar a soberanía, todas as soberanías: a territorial, a económica, a cultural, a enerxética ou a alimentar.

Por iso queremos ter dereito a decidilo todo. E por iso, respecto ás nacións sen estado, a nosa aposta é clara e firme a favor do dereito a decidir dos pobos, a decidir respecto a cuestión territorial, pero tamén respecto ao emprego dos recursos naturais e sociais, a decidir e construír as expresións culturais propias ou a poder decidir sobre os corpos e sentimentos. E queremos facelo baixo cauces radicalmente democráticos, habilitando todos os mecanismos necesarios para dar a voz á cidadanía.

Poñer urnas, requisar urnas

Atopámonos nun momento difícil, onde se está a acusar aos adversarios politicos de golpistas. Pero un golpe á democracia non é pór urnas para que o pobo exprese os seus desexos. Un golpe á democracia é reformar a Constitución con nocturnidade e aleivosía por mandatos externos, é o uso político das cloacas do estado, é promulgar leis mordaza que restrinxen dereitos fundamentais, é asumir como normal a perda daquel “préstamo” á banca de 40.000 millóns de euros. E poderiamos pór moitos máis exemplos de cinismo de quen non dubida en violar a Constitución cando non responde aos seus intereses inmediatos mais logo fai dela un texto cuasisagrado e inmutable. Estes días estamos a ver como a democracia perde o seu nome en Catalunya cando as forzas e corpos de seguridade do estado dedícanse a rexistrar imprentas e procurar urnas, por desgracia, os tempos das vietnamitas e da persecución política parece que volven estar de moda.

A fin do conflito en Catalunya non pasa polo aumento das medidas represivas e autoritarias por parte do Estado central. Unha cuestión política como o dereito a decidir require unha solución política. Non se vai atopar a saída empregando o aparello xudicial como unha extensión do poder executivo, rematando co principio de división de poderes. O goberno de Mariano Rajoy leva seis anos sen escoitar a vontade maioritaria das e dos cataláns, facendo coma que non existe esa demanda de votar e acudindo ao Tribunal Constitucional á mínima intención de avanzar na resolución pacífica da situación.

Asistimos a un fenómeno esperpéntico, coa garda civil rexistrando imprentas, acción que lembra tempos cando se pechaban xornais en Euskadi sen base democrática algunha. É unha vergoña que altos cargos do PDCat (a antiga Convergéncia) como Artur Mas sexan xulgados antes por colocar unha urnas que polos innumerables casos de corrupción nos que aparecen relacionados (casos do 3%).

Sen medo a falar e escoitar

Semella que a única vía que contempla o Partido Popular é a autoritaria e recentralizadora, mais o que se logrará desta maneira será un maior tensionamento da situación. Fronte a iso, democracia, democracia e democracia. Temos que recuperar o contido substantivo da democracia que tan ben expresou o espírito do 15M co lema democracia real xa!

Cómpre volver a ese espírito, a ese desexo de querer falar e decidir sobre todo, para darlle unha saída pacífica e democrática ao conflito onde o pobo de Catalunya teña a oportunidade de votar. Cando unha nación pide ser escoitada, ninguén debería negarllo.

Catalunya, dereito a decidir e radicalidade democrática