Saltar ao contido

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía anuncia que desbloqueará esta importante obra e impulsará un proceso de urbanismo participativo, inspirado na experiencia ‘O noso patio’ no antigo CEIP Sanjurjo de Carricarte

Xove Xove visitou esta mañá o barrio coa directiva da asociación veciñal e comprometeuse a atender as necesidades de mantemento e espazo público do barrio

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, acompañado por varios membros da súa lista, entre eles a arquitecta Chiqui García, e o vicevoceiro municipal, Iago Martínez, realizou hoxe un percorrido polo barrio do Castrillón, da man do presidente da asociación veciñal, Ramiro Otero, e outros representantes da directiva. Desde alí, propuxo desbloquear a creación dun novo espazo público para o barrio nos terreos municipais que conectan a rúa José María Hernansáez e a Avenida da Concordia e adaptalo ás necesidades do barrio mediante un proceso de urbanismo aberto á veciñanza.

Xove explicou que “este terreo é propiedade do Concello, porque foi expropiado durante o mandato de Xulio Ferreiro, atendendo a unha demanda reiterada nos orzamentos participativos e liderada pola entidade veciñal. Pero leva catro anos sen recibir o impulso que merece e vai sendo hora de desbloquealo, aproveitar o traballo feito e darlle a esta futura praza os usos que demanda a veciñanza”.

A proposta da Marea Atlántica é darlle voz na fase final do proxecto á propia veciñanza Castrillón e crear en Hernansáez un espazo á medida do barrio, poñendo en marcha un proceso pioneiro no urbanismo coruñés, similar ao proxecto ‘O noso patio’ que se levou a cabo no colexio Torre de Hércules –antigo Sanjurjo de Carricarte– durante o goberno de Xulio Ferreiro. O patio do centro foi reformado e humanizado a partir das propostas da comunidade escolar, e gañou un premio na Bienal Internacional de Educación en arquitectura de UNICEF. “Ninguén coñece mellor que a xente do barrio o que precisa o barrio, por iso na Marea Atlántica queremos escoitala e colaborar, partindo do que xa está feito e sen atrasar máis a obra”, afirmou Xan Xove. 

Catro anos sen obras en Hernansáez

Nesta liña, Iago Martínez criticou que “Inés Rey non fose quen de completar o traballo do alcalde Xulio Ferreiro malia a ter todo a favor, cos terreos xa expropiados e co apoio orzamentario da Marea Atlántica ao longo do mandato. Falta dedicación, sobran relevos nas concellarías e demóstrase un escaso compromiso coa cidade que non se ve dende os Cantóns”. O noso vicevoceiro engadiu que a partir de maio, con Xan Xove, “volverá haber na Coruña un goberno que sume traballo e ideas. A experiencia dinos que as boas políticas acaban estragadas nas mans dun mal goberno”.

O terreo, de propiedade municipal, conecta a avenida da Concordia coa rúa José María Hernansáez a través dunha zona residencial moi densa e dá acceso ao instituto Monte das Moas, á escola infantil Carricanta, ao polideportivo e ao centro de saúde do barrio. “É, polo tanto, unha zona clave para conectar necesidades diversas e dar servizo a persoas de diferentes idades e perfís, de aí a importancia de escoitar para chegar a todo o mundo”, explica Xan Xove. 

Na xuntanza coa AVV, o candidato comprometeuse tamén a renovar o urbanismo do Castrillón, onde existen zonas coma o polígono de Fariña Ferreño, “nas que sobreviven proxectos aprobados co PXOM dos anos 90 e que, coma o de Visma, son puro formigón sen servizos, cunha altísima edificabilidade e pouco beneficio para o barrio”. Tamén é necesario avanzar no proxecto para mellorar a accesibilidade do centro de saúde do Castrillón, a través dun ascensor e dunha pasarela, mellorar o coidado do espazo público, e desbloquear a mazá interior do bloque Castrillón-Miramar. 

Visita ao barrio coa asociación de comerciantes

A comezos do mes de marzo, Xan Xove reuniuse con ACOCEM, a Asociación de Comerciantes do Castrillón, Eirís e Monelos, para coñecer tamén as súas necesidades e propostas para estes barrios. Os problemas de mobilidade, limpeza e o abandono do espazo público centraron a conversa, así coma as posibilidades do programa Mover os baixos para reactivar os locais baleiros e o comercio local. Un programa que, lamentablemente, o goberno de Inés Rey está a conducir ao fracaso pola súa falta de interese e escaso traballo de promoción.

Xan Xove propón rematar o deseño dun novo espazo público nos terreos municipais que conectan Hernansáez e Concordia coas ideas da veciñanza do Castrillón