Saltar ao contido

Lembrámoslle ao goberno municipal que o noso acordo para os Orzamentos 2020 inclúe a creación deste equipamento na Cidade Vella, para centralizar os servizos destinados ás mulleres

María García: “É un equipamento necesario para recuperar as políticas feministas e de apoio ás mulleres no Concello, moi paradas desde o cambio de goberno”  

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, participou hoxe na xuntanza da Mesa da Cidade Vella, na que o goberno municipal informou á veciñanza e entidades dos seus plans para a reforma da Casa da Vedoría e do Plan Rexurbe para a rehabilitación de vivendas, dentro do Plan de Dinamización do barrio. E aproveitou para lembrar que “o pacto que asinamos en decembro para os Orzamentos 2020 inclúe a creación da Casa das Mulleres Marcela e Elisa na Vedoría”.

A Casa das Mulleres é compatible cos usos do edificio enunciados polo goberno municipal, que polo de agora son xeralistas e pouco concretos. Este equipamento ten que servir para concentrar os recursos e servizos municipais destinados ás mulleres, comezando pola atención ás vítimas das violencias machistas.

“Desde logo, será un paso positivo para revitalizar as políticas feministas do Concello da Coruña, moi paradas desde o cambio de goberno”, sinalou María García. E engadiu: “Agardamos que non pase a formar parte da lista de acordos incumpridos, que xa comeza a ser demasiado longa. Nestes momentos, un ano despois de asinar o pacto de investidura, tres de cada catro puntos continúan sen executarse”, lembrou María García.

Outra posibilidade, un centro de día

Reunión Mesa da Cidade Vella na CoruñaDoutra banda, queremos amosar o noso apoio á proposta enunciada pola Asociación Veciñal da Cidade Vella para instalar en Vedoría un centro de día no que atender a persoas maiores e dependentes. Sendo un barrio cunha alta porcentaxe de poboación envellecida, este servizo é moi necesario, e aumentará os insuficientes recursos públicos para os coidados e a conciliación da vida persoal e laboral.

Solicitou, tamén, que á hora de deseñar o investimento do Plan Rexurbe para a rehabilitación de vivendas, o goberno municipal teña en conta que a Cidade Vella e o Orzán, as dúas áreas que recibirán fondos, “teñen problemas distintos, situacións socioeconómicas distintas, e precisan plans de actuación distintos á hora de afrontar á rehabilitación”.

Dous anos de Cidade Vella peonil

Na súa intervención na Mesa da Cidade Vella, García sinalou os puntos positivos do Plan de Dinamización do barrio, e lembrou que non terían sido posibles sen a peonalización que o goberno de Xulio Ferreiro fixo realidade hai dous anos. Unha medida que rematou coa anomalía de ter o único casco histórico de Galicia polo que aínda circulaban os coches. Moitos fixeron promesas antes, pero foi a Marea Atlántica quen cumpriu.

 

Na Vedoría, a Casa das Mulleres ‘Marcela e Elisa’