Reclamámoslle tamén á Xunta de Galicia que complete a declaración do inmoble como Ben de Interese Cultural, que leva máis dun ano en trámites
A familia Franco adquiriu a propiedade do edificio en fraude de lei e volve poñelo á venda nun portal inmobiliario, sen que existise neste mandato nin un só avance para devolverllo á Coruña
O grupo municipal da Marea Atlántica lamenta comprobar que a Casa Cornide, o histórico edificio da Cidade Vella da Coruña e actualmente en mans da familia do ditador Francisco Franco, volve aparecer á venda nun portal inmobiliario, sen reacción por parte da Xunta nin do Concello da Coruña. Por iso, instamos ao goberno local a iniciar dunha vez a vía xudicial, tal e como se fixo para recuperar o Pazo de Meirás, e á Xunta a acelerar os trámites para declarala Ben de Interese Cultural (BIC) que levan un ano pendentes.
“Hai probas abondo do valor histórico e patrimonial da Casa Cornide, e de que foi entregada aos Franco en fraude de lei, pero nos últimos tres anos, non se deu ningún avance para recuperar para o público a casa natal do humanista José Cornide, que foi unha propiedade do Concello da Coruña roubada durante a ditadura”, sinala a nosa voceira, María García.
Unha fraude de lei
Así queda probado por unha carta do secretario de Franco, feita pública en 2019 e descuberta por Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, e polo informe que Emilio Grandío realizou para o Instituto Cornide en 2020. Proban unha trama entre Alfonso Molina, Peñamaría de Llano e Barrié de la Maza para agasallar ao ditador coa Casa Cornide.
Pero a pesar de ter bases abondas para presentar unha denuncia que permita darlle a volta ao espolio, o equipo de Inés Rey non conseguiu un só avance no que levamos de mandato.
Tampouco se ven avances por parte da Xunta de Galicia na declaración de BIC, que comezou en maio de 2021 coa incoación do expediente, pero permanece sen maiores avances. A realidade é que os Franco xa intentaron vendelo en 2020, e hoxe, dous anos despois, a Casa Cornide volve estar na mesma situación.
Os comentarios están pechados.