Reprodución da carta que o escritor Manuel Rivas lle enviou a Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, cos seus parabéns polo primeiro ano de goberno
Querido alcalde, querido Xulio:
Estou a participar hoxe no encontro de poesía Galicia-Euskadi, e lamento non estar con vós nesta celebración.
Dicía Gandhi: “Primeiro, ignórante; logo, búrlanse de ti; logo, desprézante; despois, atácante… e entón sabes que podes gañar”. Así ocorreu na Coruña. Pero ese proceso, o de que os soños liberadores non se afundan, só é posíbel cando é o o pobo quen exerce o dereito a soñar.
Ese foi o hábitat no que naceu a Marea Atlántica: foi o soño necesario do pobo fronte a desvergoña estabelecida.
Pasou o tempo da ignorancia, pasou o tempo da burla, e estamos no tempo do respecto. Sentímonos orgullosos dun alcalde e dun goberno honestos, cunha harmonía de pensamentos, palabras e feitos.
Estou convencido de que este orgullo e ese soño, permanentemente crítico e autocrítico, será axiña compartido pola gran maioría da Coruña.
No centenario das Irmandades da Fala, que naceron tamén como un soño nesta cidade.
Saúde e Terra e irmáns.
Avante toda, Coruña!